Capítulo I.- constitución, denominación, duración e enderezo
Capítulo II.- fins
Capítulo III.- dos socios e colaboradores. Procedemento de adquisición da calidade de socio e colaborador. Dereitos e deberes. Perda da calidade de socio ou colaborador
Capítulo IV.- órganos directivos e forma de administración.
Capítulo V.- patrimonio fundacional. Recursos económicos previstos e límites do orzamento anual.
Capítulo VI.- disolución da asociación.
Capítulo VII.- da liquidación do patrimonio.
CAPíTULO I.- CONSTITUCIÓN, DENOMINACIÓN, DURACIÓN E ENDEREZO
Artigo 1.- Constitución e denominación. Coa denominación de Asociación de Persoal Investigador e Técnico Non Contratado de Galicia (Asociación Precarios-Galicia), constitúese en Santiago de Compostela unha asociación sen ánimo de lucro de acordo co establecido no artigo 22 da Constitución Española, na Lei 191/64 de 24 de decembro de 1964 e normas complementarias do Decreto 1440/65, de 20 de maio de 1965.
Artigo 2.- Duración. Esta asociación terá unha duración ilimitada, e poden ingresar nela socios novos ou causar baixa os antigos sen necesidade dunha nova constitución. Ten personalidade xurídica propia desde o momento da súa inscrición no rexistro de asociacións.
Artigo 3.- Enderezo. O domicilio social de Precarios-Galicia fíxase en República de Arxentina 4, 5ºA e o seu ámbito de actuación abrangue a Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 4.- Os fins específicos desta asociación son, dentro dun réxime de liberdade, autonomía, representatividade e participación dos seus asociados:
- Defende-los dereitos e aspiracións do persoal de investigación e técnico non contratado (graduandos, alumnos do terceiro ciclo, doutorandos, bolseiros/as de investigación predoutorais e posdoutorais, bolseiros/as técnicos e outro persoal sen financiamento) que realicen tarefas investigadoras ou técnicas en universidades, centros de investigación e outras institucións radicados en Galicia, independentemente de que o devandito persoal perciba financiamento estatal, privado ou careza del.
Desde o punto de vista desta asociación será prioritaria a defensa, entre outros, dos seguintes dereitos considerados básicos:
- Recoñecemento dos membros do colectivo como traballadores de feito e dereito mediante un contrato laboral, o que suporía a consecución de dereitos laborais, entre outros os derivados da cotización ó réxime da Seguridade Social. Preténdese, polo tanto, a substitución do sistema de bolsas por un sistema de contratación laboral.
- Dereito do colectivo a traballar nunhas condicións dignas de seguridade e hixiene.
- Dereito ás mesmas prestacións e servicios có persoal investigador, docente e técnico contratado.
- Dereito de representación nos centros de traballo en que o colectivo leva a cabo o seu labor, recoñecéndolles ós seus membros voz e voto nos Consellos de Departamento e Xuntas de Instituto.
- Recoñecemento dos méritos acumulados ó longo do período de traballo científico e técnico desenvolvido en departamentos universitarios, centros de investigación e outras institucións de cara a concursos de prazas relacionados coa continuación da actividade docente, investigadora ou técnica.
- Expórlle-las reivindicacións do colectivo ás institucións e autoridades competentes.
- Constitución dun servicio de información e asistencia ós membros do colectivo.
- Estudio e promoción das iniciativas encamiñadas a conseguir unha mellora continuada no desenvolvemento da actividade dos membros do colectivo.
- Establecemento de relacións con outras asociacións similares para alcanza-los obxectivos comúns.
- Apoio para calquera tipo de acción lícita destinada a acada-los fins previstos.
- Promoción dunha imaxe digna dos membros do colectivo fronte á opinión pública e ás institucións.
CAPÍTULO III.- DOS SOCIOS E COLABORADORES. PROCEDEMENTO DE ADQUISICIÓN DA CALIDADE DE SOCIO E COLABORADOR. DEREITOS E DEBERES. PERDA DA CALIDADE DE SOCIO OU COLABORADOR
Artigo 5.- Os membros de Precarios-Galicia poderán ser socios e colaboradores.
Artigo 6.- Poderán ser socios tódalas persoas maiores de idade e con capacidade de obrar, que teñan interese no desenvolvemento dos fins da asociación e á vez cumpran o requisito de seren persoal investigador ou técnico non contratado nos organismos públicos ou privados de investigación e outras institucións radicados en Galicia.
Artigo 7.- Poderán ser colaboradores tódalas persoas maiores de idade que non poidan incluírse na categoría de socios, que estean de acordo cos fins da asociación e desexen acada-los seus obxectivos.
Artigo 8.- Os socios e colaboradores presentarán unha solicitude para a súa admisión, agás no caso indicado no artigo 12. Ademais, no caso dos socios presentarase unha declaración xurada da súa condición de non contratado.
A) DEREITOS E DEBERES DOS SOCIOS
Amais dos expresamente recoñecidos polas leis, os socios terán os seguintes dereitos e deberes:
Artigo 9.- Son dereitos específicos dos socios:
- Tomaren parte nas Asembleas Xerais e Grupos de Traballo con voz e voto.
- Poderen ser elixidos para cargos directivos.
- Gozaren de tódalas vantaxes e beneficios que a asociación poida obter.
- Recibiren información sobre os acordos adoptados polos órganos da asociación.
- Faceren suxestións ós membros da Xunta de Representantes co fin de conseguir un mellor cumprimento dos obxectivos da asociación.
- Solicitaren e obteren explicacións sobre a administración e xestión da Xunta Directiva.
Artigo 10.- Son obrigas específicas dos asociados:
- Prestaren cantos servicios determinen os Estatutos, o Regulamento de Réxime Interno e os acordos da Asemblea Xeral.
- Desempeñaren os cargos para os que foron elixidos.
- Asistiren ás Asembleas Xerais e demais actos que organice a asociación.
- Satisfaceren as cotas ocasionais que se establezan.
- Respectaren o previsto nestes Estatutos.
B) DEREITOS E DEBERES DOS COLABORADORES
Artigo 11.- Os colaboradores gozarán dos mesmos dereitos e deberes cós socios pero non poderán ser elixidos para desempeñar cargos directivos dentro da asociación nin terán dereito a voto nas Asembleas Xerais.
C) PERDA DA CALIDADE DE SOCIO OU COLABORADOR
Artigo 12.- A condición de socio ou colaborador pérdese:
- Por propia vontade.
- Por incumprimento das súas obrigas económicas.
- No caso dos socios, tamén se perderá cando deixen de cumpri-lo requisito ó que se refire o artigo 6. Cando isto aconteza, o socio, de non indica-lo contrario, pasa á categoría de colaborador.
- Por actuar gravemente contra os fins da asociación. Neste caso, a decisión acerca da perda da calidade de socio será tomada pola Asemblea Xeral Extraordinaria con maioría de dous tercios.
CAPÍTULO IV.- ÓRGANOS DIRECTIVOS E FORMA DE ADMINISTRACIÓN.
Artigo 13.- O réxime da asociación virá determinado polos presentes Estatutos e os acordos validamente adoptados polos órganos da asociación.
Artigo 14.-Os órganos directivos de Precarios-Galicia son:
- A Asemblea Xeral
- A Xunta de Representantes
A) DA ASEMBLEA XERAL
Artigo 15.- A Asemblea Xeral de Precarios-Galicia, máximo órgano da asociación, está formada por tódolos membros de Precarios-Galicia.
Artigo 16.- As reunións da Asemblea Xeral serán Ordinarias ou Extraordinarias. As reunións Ordinarias celebraranse como mínimo cada tres meses. As Extraordinarias celebraranse cando as circunstancias o aconsellen, cando a Xunta de Representantes o acorde ou cando o propoña por escrito unha décima parte dos asociados, con expresión concreta dos asuntos que deban ser tratados.
Artigo 17.- As convocatorias das Asembleas Xerais serán realizadas con antelación suficiente mediante un anuncio colocado no enderezo social, un comunicado na lista de correo electrónico da asociación e por outros medios alternativos que se consideren axeitados.
Artigo 18.- A Asemblea Xeral terá que ser convocada cando menos quince días antes da súa celebración para o caso de Asemblea Xeral Ordinaria, e cun mínimo de sete días para a Asemblea Xeral Extraordinaria. A Asemblea Xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria coa presencia da metade máis un dos seus membros con dereito a voto, e en segunda convocatoria calquera que sexa o número de asociados presentes.
Artigo 19.- O Presidente e Secretario das Asembleas Xerais serán os da Xunta de Representantes ou, no caso da ausencia destes, outro(s) socio(s) nos que delegasen por escrito.
Artigo 20.- Os acordos tomaranse por maioría simple de votos asistentes cando se trate da Asemblea Xeral Ordinaria e por maioría de 2/3 en primeira volta e simple en segunda, cando se trate da Asemblea Xeral Extraordinaria, coas excepcións que se contemplan no Regulamento de Réxime Interno. Os acordos adoptados obrigarán a tódolos socios, incluso ós non asistentes.
Artigo 21.- Son facultades da Asemblea Xeral Ordinaria:
- Aproba-lo informe de xestión da Xunta de Representantes.
- Examinar e aproba-lo estado de contas.
- Aprobar, no seu caso, as propostas de directrices xerais que xurdan como iniciativa na Asemblea Xeral.
- Manifesta-lo sentir dos membros de Precarios-Galicia en todo o relativo ó funcionamento da asociación e decidir acerca daquelas cuestións que, pola súa transcendencia, afecten ó funcionamento de Precarios-Galicia.
- Apoia-la Xunta de Representantes no exercicio das súas atribucións. A Asemblea Xeral Ordinaria pode nomear, se o estima conveniente, comisións de traballo para determinadas cuestións do interese de Precarios-Galicia.
- Aproba-lo Regulamento de Réxime Interno da asociación.
- Aproba-los orzamentos de ingresos e gastos de cada exercicio.
- Fixa-las cotas ocasionais.
- Aprobar ou rexeita-las propostas da Xunta de Representantes, así como as que poidan xurdir da Asemblea Xeral, tocante ás actividades da asociación.
- Decidir sobre a admisión de socios novos e sobre a expulsión daqueles outros que dean lugar a ela, conforme ó establecido nos presentes Estatutos.
Artigo 22.- Serán facultades da Asemblea Xeral Extraordinaria:
- Aproba-la reforma dos Estatutos.
- Controla-la xestión da Xunta de Representantes, coa posibilidade de somete-los seus membros a voto de censura; o voto de censura deberá, en todo caso, figurar na orde do día.
- Elección dos membros da Xunta de Representantes.
- Federación con outras asociacións a teor da lexislación vixente.
- Acorda-la disolución da asociación.
- Calquera outras non atribuídas expresamente nos Estatutos á Asemblea Xeral Ordinaria, á Xunta de Representantes ou á Xunta Directiva.
B) DA XUNTA DE REPRESENTANTES
Artigo 23.- A Xunta de Representantes de Precarios-Galicia será elixida pola Asemblea Xeral Extraordinaria. O seu mandato terá unha duración dun ano e estará formada por un número impar de membros, cun mínimo de 5 e un máximo de 13.
Os cargos dos membros da Xunta de Representantes serán:
- Presidente
- Vicepresidente
- Tesoureiro
- Secretario
- Vocais
Artigo 24.- A Xunta de Representantes xuntarase polo menos unha vez cada dous meses en sesión ordinaria, e en sesión extraordinaria sempre que o estimen oportuno cando menos dous dos seus membros.
Artigo 25.- A Xunta quedará constituída cando asista a metade máis un dos seus membros. Os acordos tomaranse por maioría simple.
Artigo 26.- Cando se produza unha vacante convocarase unha Asemblea Xeral Extraordinaria ó termo da seguinte Asemblea Xeral Ordinaria, na que se elixirá un membro novo.
Artigo 27.- Correspóndelle á Xunta de Representantes:
- Adopta-las determinacións necesarias para o funcionamento de Precarios-Galicia, recollidas nos presentes Estatutos.
- Levar a cabo as propostas de directrices xerais e as decisións aprobadas pola Asemblea Xeral de Precarios-Galicia.
- Elaborar e proporlle á Asemblea Xeral de Precarios-Galicia as actividades que en cada momento cumpra desenvolver.
- Elaborar anualmente os proxectos de orzamentos e presentarllos á Asemblea Xeral de Precarios-Galicia.
- Elaborar un Informe de Xestión Anual das actividades desenvolvidas pola devandita Xunta e presentarllo á Asemblea Xeral Ordinaria de socios de Precarios-Galicia.
- Elabora-lo Regulamento de Réxime Interno da asociación e proporllo á Asemblea Xeral Ordinaria para a súa aprobación.
- Informar periodicamente ó resto dos asociados acerca das actividades realizadas mediante a convocatoria de Asembleas Xerais Ordinarias ou Extraordinarias e comunicados a través da lista de correo electrónico de Precarios-Galicia.
- Crea-las comisións que considere oportunas.
Artigo 28.- Son facultades de calquera dos membros da Xunta de Representantes:
- Representar a tódolos efectos ós membros de Precarios-Galicia.
- Velar polo cumprimento dos fins da asociación.
- Presidir e convoca-la Xunta de Representantes, así como convoca-la Asemblea Xeral dos membros de Precarios-Galicia de acordo co disposto nos presentes Estatutos.
- Informa-la Xunta de Representantes e a Asemblea Xeral de Precarios-Galicia das actividades por el ou ela realizadas no desempeño do seu cargo.
- Supervisa-las actividades e administración xeral de Precarios-Galicia segundo as directrices aprobadas pola Asemblea Xeral e a Xunta de Representantes.
- Presentar en todo caso un balance da xestión realizada ó termina-lo seu mandato, detallando a situación en que quedan os asuntos de Precarios-Galicia e ofrecendo a información necesaria para o traspaso de funcións ós seus sucesores.
Artigo 29.- As facultades enumeradas no artigo anterior serán desempeñadas sempre que sexa posible polo Presidente da Xunta de Representantes.
Artigo 30.- Correspóndelle ó Vicepresidente substituí-lo Presidente nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, colaborar con el ou ela e exerce-las atribucións que lle sexan delegadas ou encomendadas por este.
Artigo 31.- Correspóndelle ó Tesoureiro:
- Recadar e custodia-los fondos da asociación e levar en orde o libro de contabilidade (no citado libro asentaranse os ingresos e recursos económicos e demais bens materiais propios; así mesmo detallaranse os gastos por partidas concretas e os seus conceptos).
- Elabora-lo orzamento anual de Precarios-Galicia, así como as súas modificacións, e presentarllas á Xunta Directiva.
- Autorizar, xunto a calquera dos membros da Xunta de Representantes, a disposición de fondos.
- Buscar e proporlle á Xunta Directiva mecanismos de financiamento.
Artigo 32.- Correspóndelle ó Secretario:
- Custodiar e leva-los libros de Actas e Rexistro, documentos e selo da asociación, así como a relación dos membros de Precarios-Galicia.
- Estende-las actas das reunións da Xunta de Representantes e da Asemblea Xeral de Precarios-Galicia co visto e prace do Presidente e expedir certificación delas.
- Colaborar cos restantes membros da Xunta de Representantes na preparación e convocatoria das reunións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.
- O libro de Rexistro conterá os nomes e apelidos dos asociados, enderezo e número de DNI, de pasaporte ou de tarxeta de residencia, Institución, Departamento e Centro no que desenvolve as súas actividades. Nel débese especificar se o asociado desempeña algún cargo na asociación.
- O libro de actas consignará as reunións da Asemblea Xeral e dos demais órganos colexiados da asociación, con expresión da data, número de asistentes ás mesmas e acordos adoptados. As actas serán subscritas polo Presidente, o Secretario da asociación e dous socios asistentes ás reunións.
- Correspóndelle ó Secretario de Precarios-Galicia levar un censo actualizado do número de compoñentes da Xunta de Representantes.
Artigo 33.- Correspóndelles ós Vocais:
- Asesorar e colaborar co Presidente e Vicepresidente nas tarefas de goberno.
- Organizar e coordinar comisións de estudio e traballo sobre temas de interese para Precarios-Galicia que xurdan como iniciativa da Asemblea Xeral ou da Xunta de Representantes.
- Informa-la Xunta de Representantes e maila Asemblea Xeral de Precarios-Galicia da actividade desenvolvida por eles no desempeño do seu cargo.
Artigo 34.- Tódolos cargos directivos serán non remunerados.
CAP�?TULO V.- PATRIMONIO FUNDACIONAL. RECURSOS ECONÓMICOS PREVISTOS E L�?MITES DO ORZAMENTO ANUAL.
Artigo 35.- A asociación, ó inicia-las súas actividades, carece de patrimonio. Utilizará para o cumprimento dos seus fins os seguintes medios económicos:
- Cotas dos socios.
- Achegas económicas voluntarias.
- Doazóns ou subvencións que puidese recibir.
- Calquera outro recurso lícito.
Artigo 36.- A asociación terá como límite do seu orzamento anual 5.000.000 de pesetas.
CAPíTULO VI.- DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN.
Artigo 37.- A disolución da asociación realizarase:
- Por vontade dos asociados, acordada en Asemblea Xeral Extraordinaria por maioría das dúas terceiras partes dos mesmos.
- Por sentencia xudicial.
- Polas causas previstas no artigo 39 do Código Civil.
CAPíTULO VII.- DA LIQUIDACIÓN DO PATRIMONIO.
Artigo 38.- Acordada a disolución da asociación, a Xunta de Representantes designará dous socios liquidadores que, xunto co Presidente e Tesoureiro da asociación, procederán a efectua-la liquidación, pagando as súas débedas, cobrando os seus créditos e fixando o haber líquido resultante, se o houbese.
Artigo 39.- O patrimonio resultante da liquidación, se fose positivo, reverterá en beneficio dunha asociación ou entidade de carácter non lucrativo que a Asemblea Xeral Extraordinaria considere no seu momento.
Disposición final. A composición da Xunta de Representantes no momento da aprobación destes Estatutos foi: a) Presidente: b) Vicepresidente: c) Tesoureiro: d) Secretario: e) Vocais:
