A Xeito de Presentación

A “Asociación de Persoal Investigador e Técnico Non Contratado de Galicia” ou Asociación Precarios-Galicia nace coa finalidade de defende-los intereses do colectivo. Facendo fincapé no recoñecemento dos dereitos laborais (seguro, paro, vacacións, prevención de riscos laborais,…) que se nos negan, e que no mellor dos casos se suplen con bolsas (que adoitan gravar en Facenda como “rendementos do traballo”). A nosa aspiración é que ningún investigador en formación traballe en precario, teña bolsa ou non.

Todo isto comezou en Madrid no CSIC, a raíz dunha carta aberta dunha investigadora denunciando a situación e onde se recollían as principais reivindicacións dos “precarios”. E a cousa comezou a organizarse e a espallarse por toda España. O movemento tomou forza e emprendeu iniciativas interesantes (mobilizacións, entrevistas con partidos políticos e sindicatos, comisións de traballo, nota reivindicativa en Nature, traballo a nivel xurídico, páxina web,…).

Estes ecos chegaron a Galicia e uns cantos investigadores do CSIC de Santiago adicáronse a informarse de primeira man do asunto e a convocar reunións por medio do “boca a boca” e o correo electrónico. De aí xurdiu Precarios Galicia. Nestas reunións elaboráronse os Estatutos da Asociación, unha lista de discusión por correo electrónico, enviáronse cartas a medios de comunicación (cartas ó director publicadas en El País, ABC, La Voz de Galicia, Correo Gallego, Gaceta Universitaria,… e mesmo unha resposta positiva cara a un futuro programa de Línea 900)

Ás reunións de elaboración dos Estatutos asistiron unha media de 30 investigadores. A asociación ten un marcado carácter asembleario, o que permite que cada socio e socia estea implicado efectivamente na marcha da asociación, por medio das asembleas xerais ou da discusión nas listas de correo. Debemos dicir que ningún dos que estamos nisto temos tempo para perder e non estamos dispostos a perdelo no futuro. E pensamos que ós futuros socios lles pasará o mesmo. Iso é garantía de que se traballará en cousas concretas e do modo máis eficaz posible.

Asemade, deseñouse a Xunta de Representantes cun número de membros que a fixese a un tempo operativa e representativa. Os vocais coordinan as comisións de traballo.

O día 25 de maio no CSIC en Santiago (Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas, detrás de Químicas) celebrouse a Asemblea Fundacional e elixiuse a Xunta de Representantes. Os seguintes pasos que se deron foron rexistra-la Asociación, crea-las comisións de traballo, federarse co resto de asociacións de España, empezar a moverse a nivel institucional e medios de comunicación, chegar ó maior número de investigadores,…

A cota de socio é unica de 10 € ano (téñase ou non bolsa). Podes asociarte cubrindo os formularios desta páxina.

¡Somos moitísimos máis dos que pensamos os que estamos na mesma situación, xuntos e asociadamente terémo-la suficiente forza para mellora-la nosa realidade e esixi-los nosos dereitos!

FAITE SOCIO OU COLABORADOR, DIFUNDE PRECARIOS-GALICIA