A XUNTA DE GALICIA FAVORECERÁ A ENDOGAMIA NA INVESTIGACIÓN

Precarios-Galicia denuncia que na inminente convocatoria dun tardío programa de contratación de doutores se favorece a endogamia en detrimento da excelencia.

  • As convocatorias de axudas do programa de recursos humanos do plan I2C dos dous últimos anos non consideraban aos investigadores posdoutorais.
  • A Xunta prepara unha convocatoria de 25 axudas ad hoc para a fase de posdoutoramento á que só poderán acceder beneficiarios do antigo programa Ángeles Alvariño de 2008.
  • Esta convocatoria, que consiste basicamente nunha prórroga dun ano máis de contrato, resulta discriminatoria para beneficiarios do Ángeles Alvariño doutros anos, que só puideron optar a 3 anos de contrato.
  • Estas restricións improvisadas, arbitrarias e endogámicas supoñen un agravio comparativo e prexudican á tan perseguida excelencia investigadora ao impedir a libre competencia de méritos.
  • Opinamos que debería cambiarse a convocatoria para que poidan acceder todos os investigadores que cumpran os requisitos que teñen os Ángeles Alvariño do 2008 en canto a mobilidade e criterios de calidade, sen limitación do tipo de contrato que disfrutasen con anterioridade.

Nos seus comunicados, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria gusta demostrar a súa “aposta pola I+D, na procura dun crecemento para Galicia fundamentado no coñecemento e na innovación e, polo tanto, sustentable. Desta forma dáse ademais continuidade ao labor científico que os investigadores galegos están a desenvolver, evitando que teñan que buscar saídas laborais fóra de Galicia” [1]. Porén, esa aposta faise con certa improvisación e cun atraso que está a provocar precisamente que non poucos investigadores galegos teñan que emigrar a levar os seus coñecementos alén da nosa terra, en moitas ocasións levando consigo os investimentos que neles se fixeron en termos de contratos sucesivos de financiamento. O Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (I2C) leva xa dous anos en vigor, nos cales o apoio da Consellería aos investigadores en fase posdoutoral consistiu simplemente en prorrogar contratos dos programas do anterior plan executado polo bipartito (denominado INCITE) que xa estaban comprometidos nas convocatorias orixinais. De feito, as convocatorias de recursos humanos publicadas ata agora ao abeiro do plan I2C limítanse a axudas predoutorais e de estadías do 2011, e ás recentemente convocadas axudas predoutorais do 2012 [2].

Até 2009, e seguindo paralelismos con outros sistemas de I+D como o estatal, o antigo plan INCITE contemplaba un programa de axudas para doutores recentes que iniciaban a súa primeira fase de posdoutoramento (programa Ángeles Alvariño) e outro de investigadores posdoutorais con experiencia que entraban na segunda fase (programa Parga Pondal). A última convocatoria deste segundo programa produciuse no 2010, moi recortada (só 15 prazas, menor tempo e menor salario que en anteriores convocatorias e ausencia de compromiso de estabilización) e publicada a última hora tras as protestas de Precarios-Galicia. A partir deste momento, para os que acabaran a primeira fase do posdoutoramento non se publicaron novas convocatorias de axudas para a segunda fase (fontes da Consellería falan dunha posible convocatoria para marzo de 2013). En canto aos investigadores que se doutoraron recentemente, a última convocatoria de axudas para a primeira fase de posdoutoramento data de 2009, e agora, case tres anos máis tarde, publicarase por fin unha nova convocatoria de axudas para esta fase, co visto e prace das vicerreitorías de investigación das universidades galegas, que xa dispoñen dun borrador case definitivo [3].

Aínda que desde Precarios-Galicia aplaudimos que, con enorme atraso, se convoque un dos programas que figura no plan I2C, non deixamos de sorprendernos coas características do mesmo. Na convocatoria figura unha modalidade dirixida única e exclusivamente aos beneficiarios da convocatoria 2008 do programa Ángeles Alvariño, que xa gozaron de tres anos dun contrato, na súa primeira fase posdoutoral, que rematou a finais do 2011. Esta modalidade trátase en realidade dunha prórroga encuberta: 25 contratos dun ano de duración para optar ó mesmo proxecto que xa desenvolveron dende 2008, avaliando unicamente a actividade investigadora durante eses tres anos no programa Ángeles Alvariño. Isto supón un claro agravio comparativo cos beneficiarios do programa Ángeles Alvariño de 2007 ou de 2009 que non poden optar a ese ano extra, sen que se coñeza a razón real de escoller, en particular, o ano 2008. A Xunta argumenta que os beneficiarios de 2007 puideron presentarse á convocatoria do programa Parga Pondal de 2010 (como xa explicamos, con graves recortes), pero trátase dunha escusa pouco convincente, dado que a esa convocatoria estaba aberta tamén aos beneficiarios do programa Ángeles Alvariño de 2008 e, como debe de ser, a todos aqueles que cumpriran os requisitos (sendo o máis restritivo ter cuberto dous anos de estadías fóra de Galicia).

Representantes dos beneficiarios do programa Ángeles Alvariño do 2007 reuníronse co Director Xeral de Universidades e a Secretaria Xeral de Promoción Científica, quen lles manifestaron a intención de que, na vindeira convocatoria para a segunda fase de posdoutoramento (con sorte na primavera de 2013) se lles daría cabida con outra modalidade endogámica exclusiva para eles, demostrando unha vez máis a improvisación por parte dos responsables de elaborar os programas de recursos humanos do plan I2C.

Desde Precarios-Galicia denunciamos a discriminación que se está a facer ao convocar un ano extra de contrato só para unha xeración de beneficiarios da Ángeles Alvariño, que verán como terán un total de 4 anos de contrato posdoutoral de primeira fase, mentres que as outras dúas xeracións do programa Ángeles Alvariño so puideron gozar de 3 anos. Non hai xustificación para semellante agravio comparativo, que supón meter restricións nas convocatorias de contratos posdoutorais que favorecen a endogamia e prexudican a tan perseguida excelencia investigadora ao impedir a libre competencia de méritos.

Na nosa opinión, e dado que ata o ano que ven non se convocará a segunda fase de contratos posdoutorais, deberíase modificar a convocatoria desta primeira fase para que a esas 25 prazas da modalidade B poidan optar non só os Alvariños do 2008, se non que se permita a concorrencia competitiva de calquera que cumpra cos requisitos de estadías e criterios de calidade que se piden para a fase segunda. Deste xeito evítanse situacións discriminatorias como as descritas enriba.

A Asociación de investigadores, técnicos e tecnólogos Precarios-Galicia traballa desde o ano 2000 pola implantación dunha carreira investigadora digna, ben estruturada e baseada na excelencia científica. Apostamos por un modelo económico sustentado na I+D+i, e defendemos os dereitos sociais e laborais do persoal de investigación e técnico dos centros de investigación galegos.

Referencias:
[1]: http://www.edu.xunta.es/web/node/6459
[2]: http://www.edu.xunta.es/web/node/3629
[3]: http://uvigo.es/opencms/export/sites/uvigo/sites/default/uvigo/DOCUMENTOS/investigacion/Bases_Xerais_das_axudas_posdoutorais_Xunta_2012.pdf


Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.

Deixe unha resposta