A nova decana de Filoloxía considera “un drama persoal e colectivo” a non estabilización dos investigadores (El Correo Gallego, 2 de marzo de 2011)

Asume o cargo con “responsabilidade”, consciente de que os tempos que corren son difíciles // Entre as súas prioridades están “finalizar a implantación de títulos de grao e completar o proceso de extinción das licenciaturas”

María José López é a nova decana da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, onde ocupaba o cargo de vicedecana no último mandato encabezado por Ernesto González. Por este motivo, este venres recoñecía en Radio Obradoiro, horas despois da súa elección, que “o meu traballo será de continuidade en moitos sentidos, pero con máis responsabilidade”.

Consciente de que os tempos que corren son difíciles para o sistema universitario, sinala que malita todo “hai que tirar para adiante”. Ademais, cre que a súa experiencia como vicedecana é un aval. Entre as súas prioridades para os vindeiros catro anos están “finalizar a implantación dos títulos de grao, xa que aínda temos por diante un curso e medio, completar o proceso de extinción das licenciaturas e continuar co proceso de revisión dos títulos de grao e de máster”.

No tocante ás infraestructuras, María José López recoñece que o principal problema da Facultade de Filoloxía é a falta de espazo. Tamén admite que a ampliación do centro, que sería o desexable, “non se vai poder levar a cabo pola situación económica”. Non obstante, comprométese a buscar solucións “temporais”, xa que, dixo, “ás veces non hai nin unha mesa na que poñer a traballar a un mozo nun grupo de investigación”.

Tamén falou a decana da situación dos investigadores na USC. Na súa opinión, “a universidade perde moitísimo con todos estes traballadores que non van poder continuar. Eles son o futuro, e a súa marcha é un drama non só persoal, senón tamén colectivo”.

A noticia en El Correo Gallego


Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.

Deixe unha resposta