O reitor Casares dálle unha patada ó capital humano da USC.

A pesar de que, hai apenas uns meses, o reitor Casares declaraba que “O capital humano é o máis importante que ten esta universidade” [1], tal expresión de sentimento non lle impide mandar agora á rúa a 12 investigadores de alto nivel, que poderán ser máis do dobre o ano próximo.
Trátase de investigadores con anos de experiencia ás súas costas que obtiveron o seu contrato en concorrencia competitiva, que durante 5 anos traballaron practicamente gratis para a USC (case todo o salario foi sufragado pola Xunta ou o Ministerio nos programas Parga Pondal ou Ramón y Cajal), que se beneficiou da súa docencia, da supervisión de teses, da captación de proxectos de investigación, etc. Todos eles superaron, ademais das avaliacións intermedias dos seus programas, unha avaliación independente segundo criterios “de excelencia”, que ten como premio para a USC o pagamento do salario de 3 anos adicionais, no caso de convocar prazas indefinidas ás que se poidan presentar estes investigadores.
No momento de recibir científicos destes programas, a USC asume o compromiso de facilitar a estabilización dos investigadores que superen todas as avaliacións de calidade e todos os equipos reitorais honraron esa promesa. Porén, a pesar da calidade recoñecida destes investigadores, do beneficio achegado á USC e da súa gratuidade durante 3 anos máis, despois de varios meses de “marear a perdiz” [2], o reitor Casares ignora as recomendacións do pasado Claustro Universitario [3] e toma unha decisión que se adiviña catastrófica para o futuro da Universidade de Santiago de Compostela. Que investigador de prestixio se arriscará, nun futuro, a vir á USC se sabe que esta institución non honra os seus compromisos nin se preocupa pola estabilidade dos investigadores que superaron con excelencia o nivel de rendemento esixido? Será esta a “esencia da USC” que pretendía recuperar Juan Casares? [4]
As razóns aducidas para a non estabilización destes investigadores son de índole económica. Ainda que son evidentes os inauditos recortes impostos pola Xunta de Galicia, tamén é evidente que os reitores das universidades non poden acatar estas limitacións como quen oe chover. É preciso un liderado forte e decidido, que encontrará o apoio da comunidade universitaria na adopción de medidas de forza. Os recortes non poden caer sempre sobre os máis débiles e deben ter en conta a perspectiva a medio prazo. Nos próximos 10 anos, a USC afrontará 300 xubilacións [5], que serán aínda máis no seguinte quinquenio, e é agora o momento de ir renovando a plantilla, para conseguir un equilibrio adecuado de idade.
Por último, non podemos deixar de sinalar a responsabilidade nesta situación da Xunta de Galicia, que, sexa por manifesta incompetencia, sexa por neglixencia premeditada e obscena, está deixando morrer a investigación en Galicia. Ademais dun Plan de I+D+i de pandereta que nin s agora mutila a dotación económica das universide esforzan en botar a andar [6], do seu vergoñento peche de convocatorias de proxectos e de recursos humanos [7],ades dun modo indiscriminado, en lugar de facer unha análise meditada de futuro, que examine os puntos febles e propoña melloras estratéxicas. Unha cousa é certa, no que respecta á investigación, non vai faltar material para gravar capítulos de “Galegos no mundo” [8].
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2011.
REFERENCIAS:
[1]: http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/casares-advierte-recortes-no-habria-pagar-nominas/idEdicion-2011-03-21/idNoticia-651130
[2]: http://precariosgalicia.org/2011/10/26/la-usc-busca-financiacion-para-consolidar-a-17-investigadores-la-voz-de-galicia-2-de-novembro-de-2011/
[3]: http://precariosgalicia.org/2011/11/15/el-claustro-cierra-filas-en-torno-a-los-investigadores-parga-pondal-la-voz-de-galicia-20-de-novembro-de-2011/
[4]: https://www.facebook.com/pages/S%C3%BAmate-Recuperemos-a-esencia-da-USC/102167073156042
[5]: http://www.lavozdegalicia.es/santiago/2010/12/05/0003_8891597.htm
[6]: http://precariosgalicia.org/2011/02/14/valoracion-de-precarios-galicia-do-plan-galego-de-investigacion-innovacion-e-crecemento-i2c-2011-2015-2/
[7]: http://precariosgalicia.org/2011/10/03/os-anos-perdidos/
[8]: http://www.galegosnomundo.es

Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.

Deixe unha resposta