Os anos perdidos

Dous anos e medio despois da súa chegada ao poder, o goberno de Alberto Núñez Feijóo non ten unha política de investigación clara e definida para Galicia.

Durante os meses que transcorreran do seu mandato, o goberno de Feijóo caracterizouse por unha errática política de investigación. A súa chegada ao poder significou a paralización de todas as actuacións, co pretexto de estar a redactar un novo plan de investigación que, porén, non viu a luz ata febreiro do 2011, despois de numerosas mobilizacións da comunidade científica que denunciaron a pasividade da Xunta [1]. Meses máis tarde, constátanse os temores que manifestaramos no seu momento [2]: o plan I2C é un documento baleiro de contidos reais e, transcorrido medio ano da súa entrada en vigor, non achegou nada á investigación en Galicia, que está situada ao borde do abismo diante da complacencia dos nosos xestores de I+D+i.

Semella evidente que, nun momento de crise, é obrigado aproveitar os recursos e establecer colaboracións e apoios entre o sistema de investigación público e o privado. Pois ben, non só non se constata con feitos tanxibles a teórica aposta pola investigación na empresa da que tanto se falaba no I2C, senón que o goberno de Feijóo espalla a política de I+D+i por distintas consellerías e departamentos, o que implica a carencia dun mando único que coordine o sistema. É especialmente descorazonadora a oportunidade perdida que suporía a nova Axencia Galega de Innovación, que se está a crear con máis dun ano de retraso sobre o inicialmente previsto [3], entre fortes protestas sindicais, e que non soluciona o caos organizativo, pois só asumirá unha parte moi pequena das competencias [4]. Unha Axencia Galega que agrupase todas as competencias de Investigación, Desenvolvemento e Innovación sería unha baza fundamental para estruturar o sistema de I+D+i, coordinar as axudas de I+D+i e establecer unha política investigadora digna.

A este respecto, cómpre denunciar o desamparo en que se atopan os investigadores galegos. Despois de dous anos de práctica paralización dos programas de contratación, pouco se avanzou. Seguimos sen saber cal é o modelo de carreira investigadora e de tecnólogo proposto pola Xunta de Galicia e carecemos de calquera tipo de previsións. Isto último non só afecta o calendario das vindeiras convocatorias -inexistente-, senón compromisos claros sobre as convocatorias, baixo que condicións e con que perspectiva de estabilidade para os investigadores experimentados que superaron todas as avaliacións de calidade. Hai pouco, convocáronse axudas predoutorais [5], non exentas de polémica, polos erros na convocatoria (que obrigaron a unha rectificación [6]) e por deixar fóra inxustamente moitos posibles solicitantes. Por contra, seguimos sen saber nada de axudas para estadías de investigadores posdoutorais no estranxeiro ou de contratos de reincorporación para doutores experimentados. Será que volvemos ao sistema de formar doutores para mandalos despois ao desemprego sen aproveitar o que se investiu neles?

Os duros recortes orzamentarios nas universidades contribúen aínda máis á precarización do sistema. Non se está aproveitando para analizar as fortalezas e debilidades do sistema universitario galego e para elaborar un plan para optimizar os recursos e facer unha planificación a medio prazo, senón que os recortes acaban golpeando os máis débiles, os investigadores contratados que ven rescindidos os seus contratos e os investigadores experimentados que se encontran coas portas pechadas á hora de conseguir un posto de traballo estable (nin sequera indefinido ou funcionarial).

Precarios-Galicia esixe ao goberno galego que asuma as súas responsabilidades e que comece a elaborar unha política científica en condicións, á vez que establece unha carreira investigadora digna que permita que se dea en Galicia un “cambio de modelo produtivo” que nos permita, dunha vez por todas, saír da crise.

REFERENCIAS




Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.

Un comentario to “Os anos perdidos”

Deixe unha resposta