Industria recúa e rebaixa o persoal de fóra para a Axencia de Innovación (Xornal de Galicia, 12 de agosto de 2011)

A Xunta rebaixa as súas pretensións de elixir a todo o cadro de persoal pero non é suficiente para as centrais sindicais

A Consellería de Industria tiña a intención de contratar a persoal de fóra da Xunta e baixo os seus propios criterios de selección para a futura Axencia Galega de Innovación. A presión dos sindicatos, que entendían que isto non significaba máis que volver a unha práctica clientelar de “chiringuitos”, presionaron duramente para evitar que a futura axencia non contase con persoal propio da Administración galega. Onte dende Industria fixeron o intento de recuar. Debido ao malestar sindical rebaixaron o volume de persoal que están dispostos a elixir a dedo a un 40%. A redución non é suficiente para os sindicatos.

“Tras unha xuntanza o pasado 1 de agosto sen puntos de encontro coas organizacións sindicais, Industria remitiunos un segundo borrador do decreto da futura Axencia de Innovación que pretende limar asperezas limitando o persoal que van contratar a dedo nun ‘desprezable’ 40% e que vai existir de xeito transitorio ata a hipotética creación dunha nova categoría de persoal laboral daXunta de Galicia”, explica Anxo Anta, dende a CIG-Administración.

Efectivamente, o novo borrador que Industria distribuíu onte ás centrais sindicais expón: “De xeito xustificado e co límite do 40% do total de prazas, a relación de postos de traballo poderá crear e definir postos non incluídos nas categorías profesionais previstas no anexo II do convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia. En tanto non se proceda á modificación ou alteración do citado anexo, a selección do persoal para prover tales postos corresponderá á propia axencia, de acordo cos principios de concorrencia, igualdade, publicidade, mérito e capacidade, e demais establecidos pola lexislación xeral de emprego público”.

Non obstante é certo que o novo borrador feito por Industria elimina numerosos parágrafos nos que se refería a que o groso do seu persoal sería contratado baixo criterios propios, un proceso que xa non é empregado na Xunta de Galicia despois dun compromiso chegado coas centrais sindicais e polo que estes apoiaron a creación da Lei de Organización e Funcionamento da Administración Xeral e o Sector Público para Galicia (Lofaxga).

De feito, están suprimidos varios puntos tales como o que facultaba os futuros órganos executivos da Axencia a “xestionar os procesos selectivos de persoal”.

CIG entende que as reformulacións de Industria non son suficientes. “Industria quere ter a menor cantidade de empregados públicos posible, empregados públicos que molestan porque estes contan cunhas garantías laborais que fan que se poida estar ao servizo dos intereses da cidadanía e non ao servizo dos intereses da clase política”, declara Anxo Anta.

Dende o sindicato CSIF, José Francisco Sánchez-Brunete declara que “non van a asumir enganos nin fraudes” por parte de Industria e reclaman o cumprimento do compromiso ao que chegaron con Función Pública e con Presidencia pola cal todos os traballadores serían parte da persoal da Xunta de Galicia.

A noticia en Xornal de Galicia


Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.

Deixe unha resposta