Valoración de Precarios-Galicia do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (I2C) 2011-2015

A asociación de investigadores, técnicos e tecnólogos Precarios-Galicia considera que este plan, que será presentado este venres 11, chega tarde, mal e arrastro.

En primeiro lugar, Precarios-Galicia quere manifestar a súa total desconformidade co proceso de redacción e divulgación do Plan I2C, así como, en xeral, coa errática xestión do I+D+i galego por parte da Xunta de Galicia. Aínda que o Goberno teña a capacidade legal de redactar o plan, é incomprensible que un documento estratéxico que vai sobrepasar amplamente a lexislatura actual non mereza un debate prolongado e meditado nin no Parlamento nin na Comunidade Científica. Do mesmo modo, é inadmisible que se paralicen tódalas convocatorias públicas autonómicas para financiamento da investigación durante dous anos coa escusa de redactar finalmente un Plan I2C tan precipitado e pouco elaborado como o que se presenta esta semana.

En liñas xerais, e deixando aparte a redacción desleixada, o Plan I2C chama a atención pola retórica baleira ou a indefinición total e absoluta en aspectos fundamentais. Así, dous órganos que foron reiteradamente citados nas declaracións públicas da Xunta [1] como fundamentais para a reformulación do sistema, a Axencia Galega de Innovación e o Observatorio de Innovación, só merecen media páxina de texto. Non se especifica quen integrará eses entes, cando estarán funcionando, cales serán as súas funcións e a interrelación coas distintas compoñentes do sistema de I+D+i, etc.

O Plan I2C oriéntase decididamente cara á innovación, especialmente a empresarial. Esta escolla non é mala por si mesma, sempre que se argumenten as actividades e prioridades, se sustenten con datos, se incida na articulación do sistema empresarial e se interrelacione a innovación coas liñas de Investigación e Desenvolvemento. Porén, máis ben parece que se está recitando un “mantra” xustificatorio (a palabra “innovación” aparece máis de 500 veces no texto). Este plan I2C non pode servir como cobertura para as variadas subvencións a empresas (téxtil, moble, automóbil,…) concedidas pola Xunta. Do mesmo modo, é suicida contemplar a innovación como algo illado da investigación básica ou aplicada (concepto que só aparece 4 veces no documento), pois esta é imprescindible para un desenvolvemento sostido e unha progresiva autonomía que non sexa pan para hoxe e fame para mañá (producir coñecemento en lugar de comprar patentes fóra). A supresión dos programas de tecnólogos ou a ausencia dun equivalente ao programa Torres Quevedo español non é unha decisión que vaia fomentar a innovación empresarial, como tampouco o é a total indefinición sobre medidas concretas para incentivar a mobilidade público-privada dos traballadores.

En canto ao financiamento das actividades de investigación, a mensaxe subxacente é que os fondos deberán buscarse en convocatorias estatais e europeas, unha decisión que deixa a Galicia como país subordinado ás prioridades de I+D+i que nos marquen desde fóra e que nos impide apostar polas nosas prioridades e necesidades estratéxicas. Como xa sinalamos, o Plan I2C está cheo de retórica banal, como o obxectivo de acadar un investimento en I+D+i do 3% do PIB para o 2020 (estaríamos falando de triplicar o investimento en apenas 9 anos), sendo o 2’25% do sector privado, unha cifra totalmente surrealista para o sector privado, totalmente subdesenvolvido e desestruturado.

Por último, no que respecta ás axudas a recursos humanos, recentemente amputadas pola Xunta, que recortou centenares de prazas no último ano, a situación non é mellor. Para a etapa predoutoral proponse un contrato dun máximo de 3 anos, sen ter en conta que a nova normativa do doutoramento permite ampliar ata 5 anos a fase de redacción da tese. No tocante á etapa postdoutoral, é positiva a aparición dun programa para a incorporación de investigadores durante dous anos, pero as condicións empeoran notablemente no que respecta á mobilidade internacional, pois substitúense os contratos actuais por bolsas. Sorprende desagradablemente a aparente desaparición do programa “Parga Pondal”, que permitía incorporar cada ano unha corentena de investigadores de acreditada traxectoria, fundamentais para a renovación do cadro de persoal docente e investigador. Parece que a Xunta segue apostando polo programa Talentgalia, que recibiu duras críticas [2] e que non aproveitou en absoluto a existencia de frutíferas iniciativas como as convocatorias de ICREA e do Ikerbasque.

En resumo, trátase dun documento pouco definido, centrado en exceso na innovación empresarial e tecnolóxica, mais sen saber argumentar nin razoar esa escolla, feita a custa dos outros elementos do sistema de I+D+i. Precarios-Galicia considera que este Plan I2C non é o que esperaba a comunidade científica nin o que o noso país necesita.

REFERENCIAS

[1]

http://precariosgalicia.org/2010/09/23/la-xunta-presentara-antes-de-fin-de-ano-un-nuevo-plan-para-los-investigadores-faro-de-vigo-23-de-septembre-de-2010/

http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Xunta/primara/investigacion/privada/frente/universidades/elpepuespgal/20101216elpgal_6/Tes

http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/futuro-nace-aulas-laboratorios/idEdicion-2010-12-20/idNoticia-622446/

http://www.lavozdegalicia.es/sociedad/2010/12/24/0003_8927887.htm

http://www.lavozdegalicia.es/sociedad/2010/12/28/0003_8932811.htm?utm_source=feedburner&utm_medium=feed&utm_campaign=Feed:+lavozdegalicia/nzFP+(La+Voz+de+Galicia+|+Portada)&utm_content=Google+Reader

http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/i-d-recibira-16-fondos-campus/idEdicion-2011-01-03/idNoticia-626034/

http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-aulas/gh/xunta-fulminara-i-d/idEdicion-2010-12-14/idNoticia-620629/

[2]

http://www.lavozdegalicia.es/opinion/2010/09/22/0003_8739401.htm

http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/problema-es-no-existe-un-programa-consolidar-empleo/idEdicion-2010-09-22/idNoticia-592452/

http://www.lavozdegalicia.es/sociedad/2010/09/22/0003_8739442.htm

http://xornalgalicia.com/index.php?name=News&file=article&sid=72273

http://www.elpais.com/articulo/Galicia/PSdeG/reclama/comision/aclarar/futuro/I/D/i/elpepuespgal/20100923elpgal_7/Tes

http://www.lavozdegalicia.es/sociedad/2010/09/22/0003_8739444.htm


Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.

Un comentario to “Valoración de Precarios-Galicia do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (I2C) 2011-2015”

  1. [...] crise. REFERENCIAS [1]:http://precariosgalicia.org/2010/12/15/a-investigacion-en-galicia-d-e-p/ [2]:http://precariosgalicia.org/2011/02/14/valoracion-de-precarios-galicia-do-plan-galego-de-investigaci… [...]

Deixe unha resposta