Chan pegañento (Galicia Hoxe, 25 de enero de 2011)

O sistema ciencia-tecnoloxía-empresa reproduce as desigualdades de xénero: eles dirixen os grupos e gañan 2.500, elas son as bolseiras e levan 900

“Os homes sitúanse nos postos máis relevantes, teñen mellores salarios, non se lles esixiu un nivel de formación tan alto para acceder ós postos de máis responsabilidade e desen- volven o seu traballo nas áreas con maior importancia económica e máis valoradas socialmente”. Un discurso imperante no panorama laboral do noso país e que neste caso, en palabras da secretaria xeral de Igualdade, se refire ó eido da investigación, no que o efecto tesoira ou chan pegañento cerna as aspiracións das donas, malia acreditar de sobras o máis alto nivel de formación académica do noso país.

O estudo “Situación das mulleres no sistema de ciencia-tecnoloxía-empresa de Galicia”, realizado pola Unidade Muller e Ciencia evidencia a situación de desigualdade das investigadoras galegas con respecto ós seus colegas. Marta González apuntou en dúas direccións de discriminación. Por un lado, a xerárquica ou vertical, pola que nunha situación de igual formación, as mulleres están nun nivel máis baixo na escala laboral e teñen máis dificultades para ascender.

De entrada, teñen unha maior precariedade laboral: só o 56,4% delas teñen un contraro indefinido, fronte ó 75,3% dos homes. E mentres que o 25,9% deles percibe máis de 2.500 euros mensuais, só o 15,5% das donas gozan desa retribución. No polo oposto, mentres o 11% delas cobra menos de 900 euros, só o 5% deles teñen este soldo.

Malia que as mulleres teñen un nivel de estudos máis alto cós homes, máis doutoramentos, o efecto tesoira fai estragos a medida que avanzamos cara ós postos máis altos da escala profesional. Se falamos de directores de grupos de investigación, seis de cada dez son homes, mentres que esa mesma cifra de donas son bolseiras.

Por outra parte, a secretaria xeral de Igualdade apuntou á discriminación horizontal, pola que as mulleres se concentran en disciplinas consideradas máis femininas. Neste sentido, os datos do estudo poñen en evidencia que na área de investigación que hai máis persoas, a das tecnoloxías da información e das comunicacións, só traballan un 4% de mulleres. Amais, sete de cada dez mulleres que traballan en I+D+i fano no sector público e do total de persoas que traballan no sector privado, só un 33% son mulleres.

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, foi a responsable de presentar os resultados do estudo, que tal como sinalou, indican que aínda que “de xeito global, son poucas as profesionais da rama da investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación que perciban que neste ámbito existan desi- gualdades ou discriminacións por razón de sexo, o certo é que os valores, costumes e demais elementos socioculturais impregnan tamén o sector científico-tecnolóxico, que non queda á marxe da sociedade na que vivimos, manténdose aínda bastantes parámetros que indican unha situación de desigualdade”.

Por iso, e ante os datos do estudio, Marta González apostou para o futuro por medidas de conciliación da vida persoal e laboral que lles permitan ás mulleres investigadoras desenvolver a súa vida familiar, así como de “corresponsabilidade” cos homes investigadores, aínda que se mostrou cautelosa coa posibilidade de implementar medidas de discriminación positiva neste ámbito.

A CERNA

A maternidade pexa ó 40%

O estudo reflicte que o 66,8% do persoal que traballa no sistema de ciencia-tecnoloxía-empresa de Galicia non ten descendencia, unha cifra que se eleva ao 71,1% no caso das mulleres. A media de fillos tamén é diferente, un 0,68% os homes e un 0,47% as mulleres. Ademais, o 38% das mulleres cre que é posible que se vexa na necesidade de abandonar a carreira por motivos familiares -nomeadamente pola maternidade- mentres que a paternidade só condicionaría ao 7,3% dos homes, segundo a súa propia opinión. O 29,1% das mulleres viuse condicionada por eses motivos nalgún momento da súa carreira, o dobre que os homes. Todo o persoal considera que as medidas de conciliación son insuficientes, veríanas como útiles para a súa situación profesional e consideran tamén que é máis fácil facer uso delas no sector público.

DATOS

Perfil: doutora de 25-35 anos

Segundo se desprende do estudio, o perfil da investigadora en Galicia é o dunha muller entre 25 e 35 anos que vive en parella e ten un doutorado ou licenciatura en ciencias experimentais. Ademais, nunha gran proporción, non terá fillos. Por outra banda, hai máis investigadoras menores de 35 anos que investigadores (63,3% fronte ó 54,9%) e máis da metade do persoal que traballa nesta área está por debaixo desta idade.

Puntúanse cun notable alto

As profesionais da rama de investigación móstranse “moi satisfeitas” co traballo que desempeñan e puntúan o seu traballo cun “notable alto”, sobre todo pola creatividade, o dinamismo e o traballo en grupo. Como contraposición, como puntos negativos da súa profesión apuntan a “gran dedicación” que esixe e que hai “moita competitividade” entre investigadores.

Só unha de cada dez, a enxeñería

O informe presentado onte pola Unidade Muller e Ciencia destaca a persistencia de patróns culturais que se­guen apartando as mozas das titulacións técnicas, especialmente as enxeñerías (só as elixen unha de cada dez alumnas) En contraposición, elas están presentes en maior medida noutros ámbitos como a biomedicina e ciencias da saúde e o medio mariño.

Excluídas das TIC, sector en auxe

A presenza femeni­na na I+D+i empresarial só representa o 33% do persoal, e en par­ticular nas tecnoloxías da información e a co­municación (TIC), a área con ma­ior número de empregos, que só acolle un 4% de todas as traba­lladoras da I+D+i galega. Só unha cuarta parte do persoal nas TIC son mulleres e apenas representan un 13% nos postos directivos.

La noticia en Galicia Hoxe


Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.

Deixe unha resposta