O status do investigador bolseiro desaparece no 2012 (Galicia Hoxe, 24 de enero de 2011)

LEI DE CIENCIA

A nova norma podería estar aprobada en marzo ·· No 2010 alcanzáronse “máximos históricos” grazas ás achegas de varios mecenas

A ministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia, espera que a futura normativa de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación, agora en fase final do seu trámite parlamentario, sexa aprobada este próximo mes de marzo e con ela, a desaparición do status de “bolseiro” ao comezo da carreira científica dos investigadores, a partir de 2012.

A titular de Ciencia especificou que a supresión desta primeira escala científica dependerá da tramitación parlamentaria, agora en curso, porque o anteproxecto de lei xa o recolle a partir de 2012. É máis, aclarou que, se se aproba como tal, terá efecto a partir desta data porque moitas das convocatorias son de carácter plurianual. Respecto da futura Axencia Estatal de Investigación, deseñada como axente de financiamento e xestión dos programas no proxecto de lei, Garmendia mostrou o seu desexo de que sexa aprobada para finais de 2011 ou principios de 2012. “Será un gran instrumento para o sistema científico español e estamos analizando todos os modelos internacionais de éxito. Queremos que sexa unha grande axencia”, puntualizou. Neste sentido, detallou que a súa creación suporá a conversión dunha das direccións xerais do ministerio en axencia, de forma que o seu departamento seguirá traballando nas políticas en materia de I+D, pero non xestionará de xeito directo os orzamentos. En materia de gobernanza do sistema científico, recollida tanto no proxecto como nas máis de 450 emendas que se presentaron á normativa, Garmendia indicou que é “responsabilidade de todos” contar cunha estratexia científica aliñada entre as 17 comunidades autónomas e a Unión Europea. Dentro do paquete de emendas presentado polos nacionalistas vascos, destaca unha que pide o recoñecemento na Lei da transferencia da I+D+i a Euskadi.

Retos para o 2015

Os retos en materia de innovación que contempla o Estado español para 2015: incrementar en 6.000 millóns de euros o investimento privado en I+D+i, incorporar 40.000 novas empresas, así como 500.000 postos de traballo de media e alta tecnoloxía. Ademais, Garmendia destacou que en 2010 alcanzáronse “máximos históricos” grazas á achega “singular” dalgúns mecenas españois. “Recibíronse dúas actuacións de mecenado que probablemente de forma unitaria sexan as maiores de Europa e isto é algo que se deu, e deuse en España, e deuse dúas veces no mesmo ano. E isto témolo que apoiar”, apreciou, á vez que sinalou o seu desexo por que a Lei de ciencia recolla unha normativa de mecenado que favoreza este tipo de achegas.

La noticia en Galicia Hoxe


Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.

Deixe unha resposta