A Dirección Xeral de I+D+i está a desmantelar o tecido investigador galego e carece dun plan de actuación definido e consensuado cos investigadores.

Precarios-Galicia e Asociación de Investigadores Parga Pondal, en resposta á política de I+D promovida pola Dirección Xeral de I+D+i da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2010.

En 2010 a Xunta de Galicia non vai incorporar ningún novo investigador en ningún dos catro programas principais de recursos humanos. Dende a Dirección Xeral de I+D+i da Xunta de Galicia estánse a dicir cousas como que “aquí no se va a desmantelar nada” ou “la apuesta por los recursos humanos es una prioridad absoluta para todos”. Pero equivócanse porque os feitos son os que se explican a continuación.

En 2010 non houbo convocatoria de nova incorporación nos principais programas de recursos humanos (RRHH) da Xunta. Isto quere dicir que non se incorporaron novos investigadores predoutorais (programa María Barbeito), novos doutores (programa Ángeles Alvariño) nin novos tecnólogos (programas Lucas Labrada e Isabel Barreto). Unicamente está a piques de saír unha nova convocatoria para doutores con experiencia posdoutoral (programa Isidro Parga Pondal), pero con poucas prazas (só 15 para as tres universidades galegas e deixando de lado outros centros de acollida) e en condicións máis precarias aínda que o programa tradicional (só tres anos de contrato e sen ningún compromiso de estabilización laboral).
Fronte ás 15 prazas deste ano, en 2009 houbo 231 novas prazas e, en 2008, 259. A ausencia de novas convocatorias en 2010 significa perder un ano en todas as promocións dos RRHH para investigación. Dito doutra maneira, é como se a Consellería de Educación decidise suprimir durante un ano o financiamento dos primeiros cursos de educación primaria, secundaria, bacharelato e todos os primeiros anos das carreiras universitarias. Isto non sería aceptable por parte da sociedade galega, igual que non debe selo que se desmantele a carreira investigadora en Galicia.
A explicación de por qué só se convocan 15 prazas de RRHH este ano para toda Galicia do programa Isidro Parga Pondal, segundo a Dirección Xeral de I+D+i responde ás necesidades reais. Tampouco isto se axusta á realidade:
Dado que só se consultou as Universidades, dubidamos que estas só precisen 15 prazas cando van ofertar 60 prazas no total galego (20 por cada unha das universidades). Ademais, nestas necesidades non se incluíron as doutros centros receptores do programa, como son os centros tecnolóxicos da propia Xunta (se eles non teñen necesidades é porque a Xunta non os patrocina debidamente), as fundación sanitarias dos hospitais galegos (parece que non é “necesario” investigar na saúde ao tempo que din que a investigación en biomedicina é un piar fundamental) e outros centros. Sorprende e preocupa que, a poucos días de presentar o plan, aínda non se chegase a acordos definitivos coa Consellería de Sanidade a este respecto.
Todos os centros de investigación teñen necesidade de incorporar cada ano investigadores en todas as etapas da carreira investigadora: predoutorais, tecnólogos… O Sr. Capilla non ten en conta estas necesidades que as universidades lle transmitiron. De feito, a porcentaxe de investigadores (e de persoal empregado en I+D) sobre o total de empregos en España é menor que o total da OCDE ou que o da Unión Europea dos 27 (Fonte: OCDE, Main Science and Technology Indicators database). A propia Xunta de Galicia é consciente deste déficit de persoal en I+D, tal como se recolle no Plan estratéxico Galicia 2010- 2014 Horizonte 2020: “A poboación galega empregada en actividades relacionadas co I+D+i representa o 5% do total nacional, unha proporción que está por debaixo do peso do emprego total sobre o conxunto de España, aínda que a evolución está a ser positiva nos últimos anos”.

Neste mesmo Plan estratéxico defínese o seguinte obxectivo xeral especificamente dentro do eixo de actuación 3, dedicado á economía do coñecemento: “O obxectivo xeral é consolidar un sistema en Galicia de I+D+i, establecendo medidas que incentiven e vertebren as actividades de investigación dos axentes do Sistema Galego de I+D, impulsando a investigación básica e a investigación e innovación aplicadas aos sectores produtivos”.

A Xunta di que investiu 28 millóns de euros en RRHH no que vai de ano (comunicación da Xunta do
16 de decembro de 2010).

Os 28 millóns de euros veñen simplemente de manter os 852 contratos actuais para investigadores, máis os 15 novos “afortunados”, aínda non oficiais. Polo tanto, son compromisos anteriores (do goberno bipartito). Onde está a aposta do novo goberno? Dende logo, non está no DOG, que é onde están os feitos reais e non as bonitas palabras.

Non se sabe nada do plan de actuación en I+D da Xunta.

O Plan Galego de I+D+i remata este mes e non se sabe nada do novo plan. Se é que de verdade existe un novo plan, desde logo na súa elaboración a Xunta non contou cos investigadores, malia que dende Precarios-Galicia e a Asociación IPP témolo solicitado moitas veces. Para a Xunta, os investigadores non somos interlocutores válidos. Aínda que digan que “la apuesta por los recursos humanos es una prioridad absoluta para todos”, está claro que non contan connosco. Temos que recorrer continuamente á prensa para responder á súa falta de operatividade.
En definitiva, Precarios Galicia e a Asociación IPP coinciden coa Xunta de Galicia nunha soa cousa: “hay que apostar por la I+D+i, pero con cabeza”. Só que moito nos tememos que esta cabeza da que falamos non é a dos actuais dirixentes do I+D+i galego.


Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.

Deixe unha resposta