A investigación en Galicia, D.E.P. (nota de prensa)

Precarios-Galicia, a asociación de investigadores Parga Pondal e a Federación de Jóvenes Investigadores FJI/Precarios pídenlle á sociedade apoio contra o desmantelamento da I+D+i galega.

Os centros de investigación de Galicia dependen en gran medida, para a continuidade do seu labor, dos contratos e bolsas que a Xunta de Galicia saca a concurso público cada ano e que van destinados aos investigadores noveles nas primeiras etapas da súa carreira (bolseiros/as de mestrado, contratados/as predoutorais e posdoutorais) e persoal técnico.

A última convocatoria xestionada polo goberno bipartito, no 2008, ofertou 586 prazas para investigadores. Sen embargo, no presente ano o goberno do Sr. Feijóo sacará unha convocatoria de apenas 15 prazas e só no programa Parga Pondal (pero, a diferenza de anos anteriores, sen garantías de estabilización). Xa o ano pasado denunciabamos que o goberno do PP reducira en máis da metade o número de prazas, cifra que agora se reduce un 93,5%, ofertando tan só 15 postos de traballo ou, dito doutra forma, 15 cravos no ataúde do I+D+i en Galicia.

Por contra, o goberno parece non ter problema en gastar cartos en publicidade do seu inexistente labor. Recentemente saíu á luz unha campaña de publicidade por parte da Consellería de Economía e Industria que custou uns 600.000 euros, cantidade que permitiría ofertar 17 prazas máis na antedita convocatoria. Nos últimos días, a Consellería de Presidencia anunciou o gasto de 950.000 euros nunha campaña de “divulgación de novos valores no ensino”. Con esta cantidade poderíanse convocar 28 prazas máis de investigadores Parga Pondal. Se estivesemos falando de investigadores predoutorais, cun salario máis reducido, estas dúas campañas publicitarias suporían 75 contratos para mozos/as que quixesen comezar unha carreira científica.

Non comprendemos como, no actual contexto, o Goberno da Xunta segue sen ter claro que facer coa I+D+i galega, sobre todo tendo en conta que o actual plan director en materia de investigación (INCITE) remata este ano 2010. Os actuais conselleiro de Economía e Industria, Sr. Guerra, e director xeral de I+D+i, Sr. Capilla, levan un ano e medio no posto sen tan sequera ter preparado un borrador do plan que o substitúa e, por suposto, sen pedir suxestións aos diferentes axentes directamente afectados polos plans de I+D+i (empresas, centros de investigación e tecnolóxicos, e asociacións de investigadores).

Dende Precarios-Galicia, a asociación de investigadores Parga Pondal e a Federación de Jóvenes Investigadores FJI/Precarios rexeitamos a postura que a Xunta que preside o Sr. Feijóo está a tomar na xestión do sector científico e tecnolóxico galego, dado que non considera o investimento en I+D+i como unha receita de futuro contra a crise económica. Unha receita que países como Alemaña, EEUU ou mesmo Reino Unido (a pesar dos drásticos recortes orzamentarios) están a aplicar para saír da crise e que os está sacando dela. Criticamos duramente a draconiana redución nas convocatorias de recursos humanos de investigación e pedímoslle á sociedade galega que apoie a concentración que terá lugar o vindeiro xoves día 16 de decembro ás 12:00 h detrás da Xunta (fronte á estación de autobuses) en Santiago de Compostela.

Asímesmo, comunicamos aos medios interesados que haberá unha rolda de prensa no mesmo lugar da concentración ás 11:30h, na que participarán os voceiros dos colectivos convocantes.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2010.


Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.

2 comentarios to “A investigación en Galicia, D.E.P. (nota de prensa)”

  1. La ciencia en Galicia D.E.P. (copiado de la web de Precarios Galicia)…

    ***Enlace a la nota original*** Precarios-Galicia, a asociación de investigadores Parga Pondal e a Federación de Jóvenes Investigadores FJI/Precarios pídenlle á sociedade apoio contra o desmantelamento da I+D+i galega. Os centros de investigació…

  2. [...] de modelo produtivo” que nos permita, dunha vez por todas, saír da crise. REFERENCIAS [1]:http://precariosgalicia.org/2010/12/15/a-investigacion-en-galicia-d-e-p/ [...]

Deixe unha resposta