As universidades, preocupadas polo atraso do plan de I+D+i (Galicia Hoxe, 18 de noviembre de 2010)

O reitor olívico asegura que lle trasladaron á Xunta a súa inquedanza pola elaboración do proxecto posto en marcha polo bipartito, que expira este ano ·· Salustiano Mato considera que delegar as bolsas e os investigadores de Educación sería compartimentar e minguaría a eficiencia

As universidades galegas ven con “preocupación” o atraso na elaboración do Plan Galego de I+D+i, e así trasladárono á Xunta de Galicia, segundo manifestou onte o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.

Na súa comparecencia ante os medios, logo do seu primeiro encontro institucional co presidente do grupo parlamentario socialista e secretario xeral do PSdG-PSOE, Pachi Vázquez, Mato tamén fixo referencia á posibilidade de que a Consellería de Educación asuma proximamente a xestión das bolsas e dos contratos dos investigadores galegos. Á espera dunha confirmación oficial por parte da administración galega, o reitor apuntou que desde un punto de vista da gobernanza “non é bo compartimentar o que ten que ver coa I+D+i. Antes tendíase a agrupar e isto será unha volta atrás que fai difícil a eficiencia”.

O reitor manifestou a súa preocupación pola indefinición do plan de I+D+i que substituirá o actual, posto en marcha no 2006 polo Goberno bipartito -do que el formou parte como director xeral de I+D+i- cunha dotación de 800 millóns ata o 2010, co obxectivo de impulsar e afianzar o sector científico e facilitar as relacións entre as universidades e as empresas. Ó seu ver, foi un programa de recursos humanos “modelo a seguir en toda España e non se debe perder”.

O reitor manifestou abertamente o compromiso da institución académica co tecido socioeconómico que fixou como obxectivo ao que achegarse “para correlacionar capacidades”. Tras un inicio de mandato no que Mato puxo o acento na internacionalizacion da transferencia, manifestou a súa intención de seguir “a suar a camiseta achegándonos a todos os sectores empresariais para correlacionar capacidades”.

Pachi Vázquez: “Ninguén o asume”

O secretario xeral do PSdG-PSOE, Pachi Vázquez, asegurou que o Goberno autonómico “non ten fe na investigación ” e considerou un erro “recortar orzamentos no motor que nos vai sacar da crise”. Pachi Vázquez asegurou que a I+D+i “se converteu nun arma arroxadiza que se tiran á cabeza” e en relación coa aprobación dun novo plan que substitúa o actual afirmou que “non se pon en marchar porque ninguén o asume”.

Innovación, coñecemento e investigación, son segundo Pachi Vázquez as claves da saída da crise económica actual que ten o seu punto de partida “na sociedade do coñecemento e nas universidades”. Así, amosou a súa preocupación polo que considera una falta de aposta de futuro cun gran investimento na universidade e en innovación.

La noticia en Galicia Hoxe.


Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.

Deixe unha resposta