Os investigadores preparan concentracións ás portas dos rexistros da Xunta para o vindeiro xoves

· Haberá concentracións ás 12:00 horas nas portas dos rexistros oficiais da Xunta nas cidades da Coruña, Santiago e Vigo.

· Entregaranse escritos pedindo a convocatoria das axudas de recursos humanos de investigación, que xa debían ter saído en agosto, e sobre as que o Executivo non se ten pronunciado.

· Esta demora compromete o futuro do traballo que se leva a cabo nos centros de investigación galegos, ao quedaren sen persoal investigador.

· O director xeral de I+D+i leva pospoñendo a reunión co colectivo investigador desde abril.

A asociación de investigadores, técnicos e tecnólogos Precarios-Galicia inicia esta semana unha serie de protestas ante a inaceptable pasividade do goberno autonómico en materia de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i). O colectivo vai organizar concentracións ás portas dos rexistros da Xunta en varias das principais cidades galegas para o vindeiro xoves 28 de outubro ás 12:00 horas.

As concentracións terán lugar nas oficinas da Rúa dos Feáns de Santiago de Compostela, no Edificio Administrativo de Monelos da Coruña e na Rúa Concepción Arenal de Vigo. Anímase tamén a calquera cidadán preocupado pola xestión do investimento público en investigación a participar nas concentracións e presentar no rexistro as queixas preparadas a tal efecto (1).

A dirección xeral de I+D+i sacou a concurso durante as últimas semanas as prórrogas das axudas ao persoal investigador concedidas en anos anteriores (contratos de seis meses de duración) e anunciou a creación do plan “Talentgalia” para a captación de científicos de elite. Quen traballará nos equipos destes eminentes científicos? Ninguén.
A Xunta segue xogando a despistar á opinión pública e non convocou as axudas de nova adxudicación para contratos predoutorais (programa “María Barbeito”), postdoutorais (programas “Ángeles Alvariño” e “Isidro Parga Pondal”), nin as axudas para a contratación de tecnólogos (programas “Isabel Barreto” e “Lucas Labrada”). Estas axudas son o verdadeiro motor do sistema galego de I+D+i. A ausencia da convocatoria de 2010 suporá unha catástrofe para os centros de investigación da nosa comunidade xa que repercutirá moi negativamente nas investigacións que se levan a cabo neles.

Pola súa banda, o señor Ricardo Capilla, director xeral de I+D+i, segue ignorando as solicitudes de reunión feitas dende abril por Precarios-Galicia para falar e coñecer de primeira man cal será a política científica da Administración galega para os vindeiros anos, mentres que non ten problema para recibir no seu despacho aos medios de comunicación.

Os investigadores reclaman á Xunta que convoque de urxencia as axudas de nova adxudicación correspondentes ao 2010.  Ademais, esixen ao director xeral que abandone o seu mutismo e explique que está a pasar coas convocatorias de recursos humanos que xa debían ter saído en agosto, e sobre as que o Executivo non se ten pronunciado. Mentras tanto, levaranse a cabo diversas accións de protesta para visualizar o importante papel que xoga a investigación básica e aplicada na nosa sociedade.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2010


Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.

Deixe unha resposta