PRECARIOS-GALICIA PRESÉNTASE ÁS ELECCIÓNS DE REPRESENTANTES DE CLAUSTRO DA USC.

A asociación de investigadores, técnicos e tecnólogos Precarios-Galicia vén de presentar as súas candidaturas para as eleccións de representantes de Claustro da USC nas modalidades de “Outro PDI contratado” e “Investigadores en formación”.

En total son tres as candidaturas que Precarios-Galicia presenta para poder ter voz e voto no Claustro Universitario e, polo tanto, poder tomar parte nas decisións dos órganos de goberno da USC, especialmente nas que abrangan ao colectivo relacionado coa investigación. Actualmente estamos mantendo reunións cos candidatos a Reitor/a da USC para saber cales seran as súas liñas de actuación en caso de saíren elixidos.

De cara a estas eleccións, Precarios-Galicia traballará e loitará por que se cumplan os seguintes obxectivos:

• Substitución completa das bolsas por contratos, con especial atención por que desaparezan os investigadores sen remuneración (sen papeis): toda persoa que desempeñe o seu traballo de investigación na USC, deberá ter un contrato.
• Información clara e veraz e solución da precaria situación do persoal investigador en formación e perfeccionamento con cargo a proxectos de investigación na USC.
• Mellora sustancial e inclusión de todo o persoal investigador en formación e perfeccionamento na normativa para a prevención de riscos laborais da USC.
• Obrigatoria adscripción dos contratos predoutorais á categoría de PDI. Actualmente esta figura é considerada PAS, carecendo dos dereitos do PDI, como por exemplo concurrir ás eleccións dentro do grupo de “investigadores en formación”.
• Elaboración e aprobación do Estatuto do investigador en fase inicial da USC.
• Establecemento dun mecanismo e órgano dentro da USC de arbitraxe nos conflitos entre doutorandos e directores de tese.
• Deseño dunha carreira investigadora na USC coherente co EEES e o EEI.

Ademais, Precarios-Galicia propoñerá unha serie de medidas que considera primordiais para o colectivo investigador e técnico da USC:

• A inclusión no convenio colectivo dos investigadores en formación e perfeccionamento contratados con cargo a un proxecto de investigación na USC.
• Eliminación das bolsas BC, BII e BAi por encubriren postos de traballo na USC.
• A transparencia nas convocatorias da USC: anuncios públicos nun repositorio centralizado, prazo suficiente para a presentación da documentación por parte dos candidatos, baremos previos detallados e resolución a través dunha comisión.
• Axilización dos trámites de matrícula de posgrao e doutoramento e do sistema de xestión de persoal, de modo que se eviten retrasos de meses na formalización de documentos e inconvenientes como a cancelación de tarxetas de identidade universitaria ou contas de correo pola discontinuidade entre contratos.

O compromiso coa dignificación da carreira investigadora e a eliminación da precariedade laboral dos mozos/as investigadores na Universidade de Santiago, lévanos a presentarnos novamente ás eleccións a representantes no Claustro da USC. Esta é unha oportunidade clave para comezar unha nova e mellor etapa para os investigadores en fase inicial na USC! É por iso polo que, se pertences a un dos dous colectivos da USC aos que nos presentamos, pedímosche que o 5 de maio votes á asociación de investigadores, técnicos e tecnólogos Precarios-Galicia.


Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.

Deixe unha resposta