A estafa das bolsas de investigación (O Xornal de Galicia, 27 de xaneiro de 2010)
A federación española de investigadores precarios denunciou a estafa de máis dun millón de euros á Seguridade Social pola situación irregular duns 200 bolseiros que, suplindo un posto de traballo, non cotizaban o esixido incluso no Estatuto que se aprobou en 2006.
A Inspección de Traballo confirmou unha fraude por valor de 1,8 millóns de euros cometida pola propia Administración e por fundacións privadas contra a Seguridade Social ao aproveitárense das bolsas de investigación para cubrir postos de traballo sen pagar a correspondente cotización.
A Federación de Jóvenes Investigadores Precarios denunciou a situación irregular de preto de 200 bolseiros en toda España, entre os que non se inclúe ningún caso galego. “Si que temos recibido algunhas denuncias de Galicia”, aclara o coordinador da campaña No + becas x trabajo, José T. Garcinuño, quen puntualiza que “non se inclúen porque non se recibiu aínda o informe da Inspección de Traballo e, polo tanto, non están confirmadas”.
A maioría dos expedientes, uns 150, débense ao incumprimento do Estatuto do Persoal Investigador en Formación (EPIF), aprobado en 2006. “Establece as axudas para elaborar a tese e o financiamento do salario dun doutor, pero hai entidades que o ignoran por completo, desde o propio ministerio de Ciencia ata os gobernos autonómicos de Castela e León, Andalucía e Canarias, así como fundacións privadas, que non actualizaron as cotizacións previstas nos seus programas de axudas ao estipulado no EPIF”, explica Garcinuño.
Os outros 50 informes, o 25% dos casos, débense a que “se disfrazan postos de traballo como bolsas para aforrar en gastos sociais”. Neste eido pecan máis as fundacións privadas.
Malia que o ministerio de Traballo confirmou polo momento unha fraude de preto de dous millóns de euros, a Federación apunta a unha “estafa multimillonaria”, tendo en conta que a evasión media por bolsa é de 10.000 euros e que, segundo un informe do ministerio publicado en 2006, hai uns 150.000 bolseiros en España, dos que a maioría encubre postos de traballo.
A LEI DE CIENCIA PODE SER A SOLUCIÓN
A nova Lei de Ciencia que prepara o ministerio dirixido por Cristina Garmendia podería eliminar de raíz este problema se, como contempla o último borrador, substitúe o actual sistema de bolsas por outro de contratos. Segundo lle explicou a Xornal de Galicia o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, “a lei define por fin neste país a carreira investigadora por primeira vez e, case desde o primeiro ano, tenta que estea baseada en contratos”.
Segundo o adianto que o secretario de Estado de Innovación lle presentou á Conferencia de Reitores a semana pasada, o borrador contempla “un só ano de bolseiro, mentres se estuda o máster de investigación”, explicou Gago. “O que queira seguir a carreira investigadora e se anime a facer a tese doutoral ten un contrato predoutoral de tres anos”, segundo o reitor vigués. Iso si, deberá optar a el en réxime de concorrencia: “Non podería ser un sistema universal porque non chegarían os cartos”, afirma. Unha vez acada o título, ten “un contrato de acceso por cinco anos, tamén por concorrencia, para optar á acreditación como doutor pola Aneca”.
A convocatoria faríaa o ministerio, pero Gago adianta que “a Xunta e as universidades poderían sumarse e ofrecer máis prazas para estes contratos”.
O obxectivo final dentro da universidade é, segundo Gago, “que se poida intensificar a docencia, a investigación ou a xestión, en función das necesidades dos profesores ou da universidade, pero non se contempla aínda a exclusividade”, outra vella demanda de Precarios-Galicia. A súa secretaria, Beatriz Blanco, espera que esta proposta –á que aínda non tivo acceso a asociación– chegue tal cal ao BOE, pero desconfía porque “xa fixeran a mesma promesa co EPIF e ó final seguiron sendo bolsas”.
Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.

Deixe unha resposta