Precarios-Galicia e a Federación de Jóvenes Investigadores (FJI/Precarios) convócante ás concentracións nas portas dos centros de investigación de Galicia o xoves 16 de decembro de 2009

Carta da presidenta de Precarios-Galicia dirixida ó colectivo investigador galego

Estimado/a compañeiro/a:

Escríboche para informarte que a asociación Precarios-Galicia e a Federación de Jóvenes Investigadores (FJI/Precarios), van impulsar unha serie de mobilizacións en contra do recorte presupostario e a favor da Ciencia durante os vindeiros meses. Como xa saberás polas últimas noticias das que se fixeron eco os medios, este é un momento crítico para a investigación no noso país e na nosa Comunidade Autónoma. Consideramos que tanto para a Xunta como para o Goberno de España a inversión en I+D+i non é unha prioridade.

A primeira destas accións consistirá nunha serie de concentracións nas portas dos centros de investigación de toda España o día 16 de decembro ás 12h. En Galicia serán nos seguintes puntos:

Santiago: entre a biblioteca Concepción Arenal e a Facultade de Dereito do Campus Sur.

A Coruña: diante da Facultade de Ciencias no Campus da Zapateira e diante da Facultade de Socioloxía/Ciencias da Comunicación no Campus de Elviña. Última hora: tamén diante do INIBIC (Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña).

Última hora –> Vigo: diante do Instituto de Investigacións Mariñas.

Darémoslle a coñecer estas accións ao resto da sociedade a través dunha serie de fotos tomadas durante o momento das concentracións por todo o país, por iso che pedimos que, se non podes acudir a estes lugares pero decides sumarte a esta protesta, o podes facer na porta do teu centro de investigación difundindo esta mensaxe entre os teus compañeiros/as e despois nos envíes unha foto á dirección de correo presidencia@precariosgalicia.org.

Un país que pretende diversificar a súa economía, non pode permitirse o luxo de prescindir dun considerable capital humano: as persoas adicadas á investigación. Persoas que coma ti, co seu esforzo, constancia e ilusión, tratan de aportar o seu gran de area ao entorno no que se desenvolven, despois de prepararse adecuadamente. Esta situación cambiará sen remedio coas medidas anunciadas se non facemos algo para evitalo. Un recorte presupostario na investigación supoñerá máis especialistas que marcharán ao estranxeiro, incrementándose a “fuga de cerebros”. Serán talentos que se perderán aquí e dos que se beneficiarán outros países.

Podes pensar que isto non che incumbe: que podes facer ti cando non moven un dedo os políticos? Pero equivócaste! Se non fas escoitar a túa voz, ninguén che prestará atención, e menos aínda os responsables públicos.

Os investigadores e investigadoras de Galicia temos que unirnos e protestar firme e unanimemente para que os nosos dirixentes nos valoren dun xeito adecuado e incrementen a inversión en I+D+i. Desde Precarios-Galicia entendemos que é un deber moral saír á rúa para manifestar a nosa oposición aos recortes presupostarios, polo negativo que terá para a Ciencia e a investigación. Por encima de crenzas persoais, de ideoloxías, todos temos esta preocupación común e temos que facer que así o vexan a nosa clase política e a nosa sociedade.

Se estás convencido e queres dar un paso adiante e expresar a túa opinión/postura, invitámoste de novo a que te sumes ás concentracións. Ademais, seguimos traballando xunto con outras entidades na organización dunha gran mobilización para inicios do ano próximo a favor da Ciencia, para a que esperamos contar tamén coa túa participación. Contamos contigo?

Grazas pola túa colaboración. Recibe un cordial saúdo,

Noelia Cotón
Presidenta de Precarios-Galicia (presidencia@precariosgalicia.org)

Web de Precarios-Galicia: www.precariosgalicia.org

Web da Federación de Jóvenes Investigadores (FJI/Precarios): www.precarios.org


Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.

Un comentario to “Precarios-Galicia e a Federación de Jóvenes Investigadores (FJI/Precarios) convócante ás concentracións nas portas dos centros de investigación de Galicia o xoves 16 de decembro de 2009”

  1. Alí estaremos!

Deixe unha resposta