A investigación en Galicia é unha carreira de fondo (Xornal de Galicia, 13 de decembro de 2009)

Un investigador é, segundo o diccionario, alguén que fai “todo o necesario para coñecer algo”. Detrás desta sinxela descrición agóchase un intrincado mapa de corredoiras para transitar desde o último curso da licenciatura ata un posto estable nunha universidade ou, en menor medida, nos laboratorios externos, tanto da Administración como de empresas privadas. O principal problema é que a viaxe hai que facela en autobús, a base de axudas públicas, de bolsa en bolsa. O financiamento dos proxectos de investigación é o pé fundamental da carreira científica.

Basicamente, un investigador precisa tres cousas para desenvolver o seu traballo: unha acreditación da súa suficiencia investigadora, un proxecto no que traballar e os cartos para facelo. O novo plan Boloña modifica lixeiramente a forma de obter o primeiro obxectivo. Coa adaptación ao Espazo Europeo de Estudos Superiores (EEES), basta con realizar un máster orientado á investigación, durante un ano académico. O sistema anterior, que aínda pervive, esixe realizar estudos de Terceiro Ciclo para obter o Diploma de Estudos Avanzados (DEA), que adoita durar dous anos. No primeiro, recíbense unha serie de cursos doutorais e, no segundo, comézase un traballo de investigación cun titor.

O financiamento ha depender, durante os primeiros anos, das bolsas e bolsas-contrato da Administración. O Goberno central e a Xunta de Galicia teñen axudas para estudos de Terceiro Ciclo, “coas que cotizas á Seguridade Social, pero non tes dereito a paro nin pensión”, explica David García, voceiro de Precarios-Galicia. Ademais, adoitan producirse atrasos no pagamento mensual das axudas da Xunta. Este ano, sen ir máis lonxe, case 90 doutorandos levan sen cobrar desde setembro e, ademais, as condicións da bolsa impídelles percibir ningún outro salario.

Superado este tramo, o seguinte obxectivo é redactar a tese doutoral e defendela, con éxito, ante un tribunal para obter o título de doutor. Este procedemento, en teoría, dura dous anos. Pero na práctica, non é tan sinxelo. Beatriz Blanco, de 25 anos, está no terceiro ano de doutorado. Comezou hai dous no departamento de Electrónica e Computación da facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC): “Pasei nove meses esperando pola resolución de todas as convocatorias de bolsas ás que podía optar, ó final sen éxito; así que os doce primeiros meses mantivéronme meus pais”. Pero o traballo no laboratorio serviulle para obter unha estadía en Alemaña “cun xornal máis que suficiente para vivir e aloxamento pago”. Á volta, asinou un contrato Lucas Labrada como tecnóloga –investigador sen docencia–, cun soldo de “mileurista por dous anos” para compaxinalo co remate da tese.

DE BOLSA EN BOLSA: VIDA LABORAL EN BRANCO

O camiño de bolsa en bolsa é o máis habitual. Eva Peiteado, licenciada en Bioloxía, comezou a colaborar no departamento de Edafoloxía e Química Agrícola xa no último ano de licenciatura cunha axuda da Xunta. “Cobraba 400 euros ao mes e ía adquirindo un pouco de práctica e de currículo para despois optar a outras bolsas ou proxectos”, explica Eva. Seguiu no departamento durante a obtención do DEA, cobrando a bolsa da Xunta, de 600 euros mensuais. Presentou a súa proposta de investigación, avalada polo correspondente titor e conseguiu unha bolsa predoutoral, na que cobraba “arredor de mil euros mensuais”. Pero o traballo de investigación demorouse e rematou o financiamento sen estar lista para presentarse ante o tribunal.

Rematada a bolsa e sen o doutorado aínda na man, a alternativa era ser contratada por un departamento da universidade para realizar traballos concretos de colaboración nun proxecto. Porén, Eva “tiña a posibilidade de obter unha bolsa de cooperación da USC” para o mesmo laboratorio e optou por ela. “Sacrifiquei a posibilidade de cotizar cun contrato porque a bolsa pagábanma íntegra e, no outro caso, retíñanme un 30%”.

Entre estas reviravoltas, Eva atopouse “con 30 anos e non tiña nada cotizado”. “En realidade, estiven traballando sete anos, pero a miña vida laboral estaba en branco”. A posibilidade das bolsas estaba esgotada e os fondos para contratación dos departamentos universitarios son reducidos. Así que optou por opositar e “asegurar unha praza de funcionaria, na categoría de subalternos, para ter un soldo e poder dedicar o resto do tempo a investigar para rematar a tese doutoral”, explica.

Con 32 anos, Eva non é un caso extraordinario. Máis ben, habitual. Horas de traballo no laboratorio ou na biblioteca pasan desapercibidos para a Seguridade Social e para amigos e coñecidos, que só ven un eterno estudante sen salario claro nin posto estable. “A familia e a parella, para min, foron fundamentais; déronme apoio moral e, de telo precisado, económico tamén”, asegura Eva. “Pero teño compañeiras que queren ter fillos e non o fan porque dependen da boa vontade do seu xefe para coller unha baixa por maternidade”, apunta.

O ESTRANXEIRO: OPCIÓN OU OBRIGA?

Miguel Otero, Alejandro Martínez, Francisco Camiña, Elena Martínez… Son catro exemplos de investigadores galegos que, por diferentes motivos, emigraron para desenvolver a súa carreira científica. Miguel é un mozo lugués de 30 anos licenciado en Xornalismo. “Marchei pola miña conta a Manchester para facer un máster en política económica, porque me interesan as relacións internacionais e en España nin sequera existe a carreira”, explica. Foi compaxinando o traballo de xornalista para unha axencia de noticias suíza, na que traballaba a distancia, con viaxes por Latinoamérica “durante case dous anos”.

A súa inquedanza tróuxoo de volta a Galicia: “Solicitei todas as bolsas públicas e privadas para facer o doutorado e, ó final, volvín a Manchester grazas a un mestre que coñecera durante o máster e cunha bolsa de estudos da Oxford Brookes”. Agora está no terceiro ano, a piques de presentar a tese doutoral. A bolsa cúbrelle as 3.400 libras en taxas por ano e un ano completo de residencia e manutención. “Os outros dous anos danche a posibilidade de dar clases cobrando máis de 700 libras ao mes”, explica. Durante a súa estadía en Inglaterra, puido viaxar á China e Brasil a conta da universidade e, en breve, irá ao Golfo Pérsico, para completar a súa tese sobre o impacto da entrada do euro no sistema monetario internacional.

“Volver a Galicia, de momento, non penso, porque non hai practicamente ninguén que estude nesta área –comenta Miguel–; mesmo un diplomático dos países bálticos me comentaba en Oxford que temen que están preocupados pola presidencia española da Unión Europea, porque non hai ningún experto en España que cubra a área báltica”.

O biólogo Alejandro Martínez está igual de cómodo en Copenhague. O seu caso é similar. É de Poio, pero estudou en Tenerife, onde atopou un becho mariño que, curiosamente, estaba estudando “unha investigadora danesa coa que contactei por internet e que, tempo despois, me conseguiu unha bolsa para doutorarme na universidade de Copenhague”. “Aquí o salario é moito mellor, pagan no prazo… Gustaríame traballar en Galicia, pero non creo que sexa posible porque non hai moita investigación no meu campo”.

Tamén Francisco Camiña Ceballos marchou fóra. Neste caso, pola súa conta, sen financiamento, “porque as bolsas predoutorais só contan o expediente académico, non os méritos investigadores”, explica. O seu expediente non é suficiente, malia que ten “a publicación que máis difusión mediática tivo da USC” sobre a consanguinidade dos Austrias españois, no departamento de Xenética. Marchou a San Diego, nos Estados Unidos, e logrou unha praza, que non puido ocupar “porque non tiña financiamento”.

O título de doutor tampouco ofrece demasiadas garantías. Elena Martínez, licenciada en Química, tamén viaxou de bolsa en bolsa ata lograr o doutorado en 2002. Co título na man, conseguiu un contrato nun grupo de traballo da Universidade Técnica de Viena, coa que colaboraba o departamento da USC no que investigaba. “Conseguín estabilizarme moito máis facilmente que en Galicia –explica–; traballaba para varios proxectos, o primeiro ano xa cobraba 2.500 euros brutos e aos tres anos era responsable do meu propio departamento cun posto fixo”. A seducción de “recursos materiais extraordinarios, equipos boísimos e financiamento” non puideron coa morriña. “Volvín á casa pola familia”, confesa. Este ano remata o quinquenio da bolsa-contrato Parga Pondal na Universidade de Vigo e opta a unha praza fixa.

O RETO DA ESTABILIDADE

Pola contra, Daniel Fernández Mosquera é un dos contratados Parga Pondal que non poderá estabilizarse na Universidade da Coruña (UDC) neste caso. A entidade non sacou a concurso público a praza de xeoquímico que esperaba e agora está poñendo en marcha a súa propia empresa: “É complicado, pero afortunadamente cobro o paro”. “Antes gustábame divulgar o meu traballo, pero como vou ir agora a un instituto animar os rapaces a investigar? É absurdo o sacrificio que piden pola recompensa que dan”, remata.

Pero a estabilidade é posible. Víctor Brea é profesor contratado doutor no departamento de Electrónica e Computación da USC desde o 1 de outubro de 2007. “Teño a data gravada porque é a transición entre pasar por distintos postos a conseguir un contrato indefinido”. Aínda así, aspira ao funcionariado como profesor titular. Pero asegura que a estabilidade revirte na calidade: “Nas etapas anteriores intentas publicar para mellorar o currículo e promocionar, cando estás estable o obxectivo é facer investigación de calidade”.

Noticia no Xornal

Noelia Cotón, presidenta Precarios-Galicia: “O Plan Incite estruturou moi ben a carreira investigadora”

O científico máis difuso


Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.

Deixe unha resposta