A XUNTA DE GALICIA ATRASA OUTRA VEZ O PAGAMENTO DAS BOLSAS DE PRÓRROGA DE 3º CICLO E DE MÁSTER UNIVERSITARIO

A asociación Precarios-Galicia e os afectados/as por esta situación irregular queren denunciar unha vez máis a precariedade á que se ven sometidos os investigadores/as de 3º Ciclo e de Máster Universitario: a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria non cumpre cos pagamentos mensuais das bolsas correspondentes destes doutorandos/as.

Desde a asociación de investigadores Precarios-Galicia queremos facerlle chegar á sociedade unha serie de irregularidades que se están cometendo coas bolsas de prórroga de 3º Ciclo e Máster da Xunta de Galicia. Non é a primeira vez que hai problemas con estas bolsas, como Precarios-Galicia xa denunciou noutras ocasións.

Nas convocatorias das bolsas de nova adxudicación para a realización de estudos de Terceiro Ciclo e Máster universitario nas universidades do Sistema Universitario Galego (SUG) do curso académico 2008-2009, especificábase claramente que o pagamento das mesmas sería mensual, pero tras a súa finalización, debemos indicar que o pagamento mensual foi efectivo só en tres ou catro ocasións. O resto de pagamentos sufriron atrasos de un mes ou, incluso, dous.
Nas correspondentes convocatorias do presente curso académico 2009-2010, no artigo 9 volve especificarse que o pagamento será mensual, pero estamos xa case a mediados de decembro e a mensualidade correspondente a outubro aínda non foi efectuada. Parece polo tanto que o problema do curso pasado cos pagamentos estase reproducindo este ano novamente.

Os afectados por esta situación, vendo que se estaba a cometer unha reiterada omisión dos seus dereitos, decidiron poñerse en contacto coa Xunta, tendo como única resposta a de “hai unha gran acumulación de expedientes e non temos persoal para realizar as tramitacións”.

Por culpa desta situación irregular de atraso nos pagamentos, 87 doutorandos atópanse nunha situación de indefensión, na que ninguén lles proporciona unha explicación razoable ou, o que é máis importante, unha solución. Precarios-Galicia non pode tolerar esta demora continua nos pagamentos que lles corresponden por dereito aos beneficiarios das bolsas. Todos eles están pasando por unha situación moi incómoda e bastante asfixiante: é o único ingreso do que dispoñen, e a pesares de que o seu traballo non está considerado legalmente como tal, non se lles permite percibir ningún tipo de salario como está recollido nas bases das convocatorias.

Por estas razóns, Precarios-Galicia solicítalle á Xunta de Galicia a posta ao día dos pagamentos e o firme compromiso de cumprir coas convocatorias de aquí en diante.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2009

Noticia no Faro de Vigo
Noticia na Voz de Galicia
Noticia na Opinión de A Coruña (é a mesma que a do Faro de Vigo)


Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.

Deixe unha resposta