A XUNTA DE GALICIA SUPRIME AS BOLSAS DE INVESTIGACIÓN PARA ESTUDANTES DE MESTRADOS UNIVERSITARIOS QUE INICIAN A CARREIRA INVESTIGADORA
A asociación Precarios-Galicia quere denunciar unha vez máis a precariedade do sistema galego de I+D+i. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de suprimir a convocatoria de axudas para investigadores/as na etapa de Mestrado Universitario (equivalente ás antigas axudas de 3º Ciclo).
A Carta Europea do Investigador (aprobada pola Comisión Europea) sinala que un investigador é un traballador dende o inicio da súa carreira investigadora, isto é, a partir da obtención do título de Grao ou Licenciatura. Non obstante, a Xunta de Galicia seguíu negándolle este estatus ós investigadores durante a lexislatura anterior.
A situación está a empeorar dramáticamente nesta nova lexislatura, xa que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de suprimir as bolsas de investigación para estudantes de mestrados universitarios a poucos días do inicio do curso académico, segundo nos confirmaron os funcionarios da Secretaría Xeral de Universidades.
En plena crise, cando moitos países priorizan o I+D+i, a Xunta aposta por unha política de menos investigadores, ou cando menos, de menos investigadores remunerados. En definitiva, apóstase pola precariedade e o incumprimento da Carta Europea do Investigador, o que consideramos que en ningún caso axuda a saír da situación actual de crise económica, nin supón un aforro de cartos considerable para a Administración Autonómica. Sen embargo, máis de 150 investigadores/as en etapa inicial quedarán sen retribución durante o novo ano académico gracias a esta iniciativa do Goberno da Xunta, o que sí supón un revés importante para a investigación galega.
Cando outras comunidades autónomas como Madrid e Castela e León, tamén gobernadas polo Partido Popular, apostan por programas predoutorais de catro anos de contrato con tódolos dereitos laborais, na nosa comunidade apóstase xusto polo contrario: a supresión de axudas nunha etapa crucial para a captación de recursos humanos no noso tecido de I+D+i.
Precarios-Galicia espera unha rectificación desta medida que consideramos errónea, inoportuna e retrógrada para o desenvolvemento de Galicia. Así mesmo, non descartamos levar a cabo mobilizacións nos próximos días, de non seren restablecidas as citadas bolsas de investigación en termos que igualen os dereitos dos mozos investigadores galegos ós do resto do estado español.
Por outra parte, esta asociación quere denunciar que na reunión levada a cabo a principios de xullo entre o Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o Secretario Xeral de Universidades e varios membros de Precarios-Galicia, afirmouse que estas axudas non se ían suprimir, e que calquera modificación sería consultada coas asociacións de investigadores. A día de hoxe, ningún cargo da Consellería se puxo en contacto coa asociación Precarios-Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2009
Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.
Deixe unha resposta