Investigar es invertir en futuro - Manifestacion 6 de Marzo

Carta aberta os diversos partidos políticos que se presentan as próximas eleccións galegas

Estimada/o amiga/o:

Dende a asociación de persoal investigador Precarios-Galicia queremos manifestarlle o noso pesar pola insuficiente situación do sistema de I+D+i da nosa Comunidade e participarlle unha serie de medidas que consideramos urxentes para a mellora da estrutura de investigación galega, de modo que
poida igualar e superar sistemas xestionados por outras Comunidades Autónomas ou polo Goberno central.

Consideramos que, inda que a xestión da I+D é un tema pouco visible a efectos electorais, este é un campo prioritario para o noso país, decisivo para a solidez económica nestes momentos de crise e necesario para acadarmos un futuro próspero a medio e longo prazo. Por isto, pedímoslle que tome a determinación de adoptar medidas indispensables, como as que aquí presentamos:

  1. Unificación baixo un mesmo organismo de todas as axudas de financiamento de Recursos Humanos ofertadas polo goberno autonómico. Actualmente a situación é especialmente complicada a nivel predoutoral, pois non hai un único programa de axudas para toda a etapa, senón que está dividido en dúas fases (axudas de Terceiro Ciclo e axudas Predoctorais-programa María Barbeito), que dependen de dúas consellerías distintas (Consellería de Educación e Consellería de Innovación e Industria), o que xera inconvenientes notables para os solicitantes (heteroxeneidade de condicións, desaxustes entre
    convocatorias, reiteración de solicitudes, etc.).
  2. Modelo 0+4 para a contratación de investigadores predoutorais. Actualmente, os dous primeiros anos subsídianse en forma de bolsa, o que implica recortes nas prestacións sociais e unha negación dos dereitos laborais básicos de calquera traballador. A Carta Europea do Investigador, aprobada pola Comisión Europea, sinala que un investigador é un traballador desde o inicio da súa carreira, pero a Xunta de Galicia segue negándolle ese status, a diferenza doutras CCAA, como a Comunidade de Madrid.
  3. Equiparación salarial dos investigadores coa remuneración doutros titulados superiores na administración pública. Os investigadores son persoas con titulación superior (licenciados ou doutores), pero, especialmente nas súas primeiras etapas, cobran moito menos có persoal fixo da Administración con titulación equivalente. Así, por poñer só dous exemplos, un doutorando financiado co programa María Barbeito, cun mínimo de 2 anos de experiencia, cobra algo máis de 1000 € mensuais, mentres que un profesor de ensino secundario, tamén licenciado, sobrepasa os 1700. Do mesmo modo, os aproximadamente 1400 € mensuais dun investigador Ángeles Alvariño están moi lonxe dos case 1900 € que cobra un profesor axudante doutor na USC. É especialmente chocante o ridículo salario percibido polos investigadores predoutorais no seu primeiro ano, 600 €, fronte ós case 1200 € dos doutorandos financiados polo goberno central.
  4. Creación de programas de axudas-ponte que cubran os baleiros existentes entre a finalización dunha determinada axuda e a concesión doutra, que ás veces poden chegar a ser superiores a medio ano e que obedecen á mala coordinación entre os organismos que promoven as diferentes convocatorias. Estas axudas-ponte, existentes noutras comunidades, deberán outorgarse ás persoas que fosen avaliadas positivamente nos seus postos anteriores.
  5. Mellorar o financiamento dos grupos de investigación. Debe finalizarse coa duplicación de axudas, co fin de optimizar os recursos existentes. Debe aumentarse a capacidade dos grupos de xestionar recursos humanos directamente, co fin de axilizar as contratacións, capacidade que deberá vir acompañada dun sistema de avaliación dos resultados, para garantir un uso eficaz das axudas públicas.
  6. Creación dun portal da I+D+i galega, que sirva de foro unificado para a oferta de emprego en investigación (actualmente disperso en ducias de páxinas distintas) e de lugar de orientación que atenda as necesidades dos investigadores galegos en todos os aspectos: anuncio de cursos de formación, de xestión de proxectos, asesoramento para a creación de empresas de I+D, rexistro de investigadores de Galicia de fácil manexo e utilidade, etc. Fomentarase a difusión estatal e internacional das convocatorias e a competitividade entre organismos, para a captación dos mellores candidatos.
  7. Fomento da investigación na empresa. É preciso fomentar e mellorar a relación entre a empresa e a universidade, dun modo transparente e que evite que se utilicen os servizos públicos en beneficio privado. Para o desenvolvemento económico de Galicia é indispensable unha maior inversión das empresas nos seus sistemas de I+D. Cómpre que a Administración fomente esta implicación dos empresarios: promover a creación de cooperativas para crear plataformas de I+D+i conxuntas; fomento de programas para desenvolver investigación en empresas; xornadas ou recursos electrónicos que poñan en contacto os diferentes grupos e centros de investigación con empresarios interesados, etc.
  8. A adquisición pola Xunta de Galicia de maiores competencias en materia de Inspección de Traballo deben traducirse nunha política activa de eliminación de irregularidades na investigación e protección do persoal investigador. A Xunta de Galicia permite que os organismos de investigación –moitos deles dependentes directamente da administración autonómica- convoquen bolsas (na maioría dos casos, sen ningún dereito social ou laboral) para cubrir postos de traballo ou ata permite que xente desempregada ou sen financiamento estea desenvolvendo actividades de investigación. Propoñemos que a Xunta, a través da Inspección de Traballo ou en colaboración con ela, inicie unha campaña de detección de situacións ilegais na investigación e que vele pola seguridade no traballo obrigando aos centros de investigación a integrar a todo o persoal nos plans de formación e de prevención en materia de seguridade e riscos laborais.
  9. A Xunta de Galicia non pode subsidiar directa ou indirectamente centros que atentan contra a dignidade dos seus traballadores subsidiándoos con bolsa. As bolsas de investigación (con excepción das destinadas a facer o doutoramento, que teñen unha serie de dereitos limitados) supoñen que os seus beneficiarios non cotizan á Seguridade Social, non teñen dereito á prevención en riscos laborais, non teñen garantida unha cobertura en caso de accidente, non poden ter permiso de maternidade ou vacacións salvo que a convocatoria o recoñeza explicitamente, etc. A administración pública consente esta situación e, en non poucos casos, foméntaa, convocando bolsas para investigar, xestión da investigación, etc.
  10. As axudas públicas para a contratación ou mobilidade de investigadores teñen que ter baremos xustos e equitativos onde primen os criterios científicos. En particular, quérese denunciar que nas últimas convocatorias de recursos humanos promovidas pola Dirección Xeral de Investigación houbo casos en que se baremaron de modo esaxerado méritos que nada tiñan que ver co currículo académico, como por exemplo a presentación en prazo de toda a documentación (cando ás veces non depende do solicitante, senón da dilixencia doutros organismos en fornecer certificados, acreditacións, etc.).

Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.

Deixe unha resposta