Un recorte inmoral nas axudas predoutorais deixa sen financiación a máis de 30 novos investigadores

Saúdos cordiais,

Dende Precarios-Galicia dirixímonos a vostedes unha vez máis para denunciar a falta de apoio á investigación por parte das autoridades competentes na materia. Nesta ocasión, a medida adoptada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, supón deixar a máis de 30 investigadores novos que se acaban de incorporar a tarefas científicas sen ningún tipo de financiamento para poder manterse nestes tempos de crise.

Os feitos falan por si mesmos. Na convocatoria das “axudas para a realización de estudos de terceiro ciclo” (DOGA 29-07-08), publicada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, dirixida polo Sr D. José Ramón Leis Fidalgo, dise claramente (artigo 1º) que na antedita convocatoria ofertaríanse 80 bolsas de nova adxudicación, ás que se adicionarían todas as bolsas que non fosen cubertas na convocatoria de prórrogas, e facíase a correspondente dotación orzamentaria.

Na resolución das devanditas prórrogas (DOG 13-10-08), dun total de 98 bolsas ofertadas quedaron sen cubrir 33, que, segundo a convocatoria, deberían concederse como “de nova adxudicación”, sumando un total de 113. Porén, como se pode comprobar na resolución de concesión, unicamente se outorgan 80 bolsas.

Consultada a Consellería polos afectados, a única explicación que obtiveron foi que se decidiu cambiar a convocatoria, sen aviso e sen previa publicación no DOGA.

As preguntas acumúlanse, e a falta de explicacións tamén:

Por que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia non publicaron o cambio da convocatoria ata o ultimo momento?

Onde van parar agora os cartos desas bolsas xa presupostadas?

É así como a Xunta pretende apostar polos mozos e mozas investigadoras?, privándoos de financiamento para iniciala súa tese doutoral?

Tamén é a ocasión de chamar a atención sobre un feito interesante, as bolsas non prorrogadas supoñen un terzo das adxudicadas na convocatoria pasada e débense, con toda seguridade, a renuncias voluntarios por aceptación doutras bolsas como as de Formación de Profesorado Universitario (programa FPU do Ministerio de Ciencia e Innovación, BOE 28-10-08): unha bolsa de características similares pero cuxa dotación mensual e case o dobre das de terceiro ciclo. Un síntoma máis do pouco interese que a Consellería de Educación mostra por impulsar e coidar as vocacións científicas do noso pais.

Dende Precarios Galicia pedimos que non se escatimen nin esforzos nin cartos coas novas xeracións de investigadores galegos. Nestes tempos de crise económica non poden valer escusas que hipotequen o futuro da nosa comunidade e o presente dos investigadores que, podendo ser financiados nesta convocatoria, quedaran sen bolsa este ano. Pedimos a Xunta de Galicia, a Consellería de Educación, e á Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia que eses cartos xa asignados presupuestariamente para dotar estas axudas se fagan efectivos e que se cumpran coas condicións estipuladas na convocatoria. En definitiva, que cumpran as súas propias regras.

Atentamente,

David García Pérez – Presidente de Precarios Galicia


Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.

Deixe unha resposta