Reunión co presidente do comité de empresa e vicepresidente dos Ramón y Cajal

O venres 18 houbo unha pequena reunión co presidente do comité de empresa e vicepresidente dos RyC, Víctor Pedregal. Nela tratáronse varios temas aínda que moi brevemente debido ao pouco tempo do que dispoñía Víctor, pero con todo faláronse cousas e polo menos oíronse as nosas propostas. Os temas que se trataron foron:

  • Seguros para a xente que está en situación irregular, é dicir, sen ningunha vinculación oficial coa Universidade: incluirianse neste grupo xente que está facendo tesiñas sen vinculación coa Universidade ou xente á que se lle termina unha bolsa ou un contrato e ten que esperar por culpa dos prazos mentres non se resolve outra convocatoria. Se se producise calquer accidente mentres esta xente traballa, á Universidade podería estar en apuros. Ademais tamén se debería de poder incluír a esta xente en temas de formación de riscos laborais (avaliación deses riscos nos seus postos de traballo e das condicións de seguridade necesarias para que podan desenvolver o seu
    traballo).
  • Non contratados: Neste grupo estarían os bolseiros e doutorandos sen subvención, ademais da xente que traballa gratis (aquí tamén entran aquelas persoas ás que se lles esixe traballar máis horas que as que se estipulan no seu contrato): este caso é máis complicado, porque por exemplo os que están facendo os dous primeiros anos do Doutoramento sen ningún tipo de remuneración, en principio non están en situación irregular xa que son estudantes de 3º Ciclo e polo tanto teñen un seguro obrigatorio, pero non por iso deberían de estar exentos de todo o que concerne ao tema dos riscos laborais/profesionais. Ademais haberia que conseguir que o seguro cubrise todo o periodo de traballo (considerando tamén os ocos entre matrículas) e que se aplicasen tamén os dereitos dos contratados (servizo médico, etc). Por outra banda, e relacionado coa xente que traballa máis horas das debidas, habería que concienciar a estes traballadores de que iso é denunciable e propoñer medidas de inspección.
  • Contratos con cargo a proxectos: aquí hai unha gran diversidade en canto aos tipos de contratos. Pódense, por exemplo, dar casos de dous contratados a tempo parcial que teñan unha gran diferenza nos seus soldos. O problema é que non existe unha regulación ou unhas normas mínimas obrigatorias para que se traten a todos por igual e que non existan estas diferenzas (si existen unhas recomendacións, pero non son de obrigado cumprimento). O que se pretende é que ademais de que se fagan unhas normas obrigatorias, debe de existir un seguimento e control das mesmas, pois de non ser así estariamos na mesma situación que a actual.
  • Convenio colectivo: falouse de por que non se incluía aos investigadores en fase inicial nin a contratados a cargo de proxectos. Neste caso hai que distinguir entre as distintas situacións.

    • Os investigadores en formación que obtiveron o DEA e teñen financiamento de convocatoria pública, son considerados Persoal Investigador en Formación e inclúense dentro da catagoría de PDI. Como tales teñen dereito a representación sindical e por iso Víctor animou a que fosen nas listas das próximas eleccións.
    • Os contratados a cargo de proxectos, que nin sequera son considerados como PDI, téñeno máis complicado porque moitas veces os contratos son de curta duración e non lle permiten ter a antigüidade necesaria para aparecer nin sequera nos censos.
    • Por último os que non teñen ningún tipo de dereito sindical, os bolseiros, que non son persoal laboral.

    No convenio colectivo trataríase de incluír a todo o persoal en formación. Víctor propuxo neste asunto que nas próximas eleccións sindicais haxa algún representante de precarios nas listas de todos os sindicatos e a ser posible nunha posición alta, para que a nosa voz sirva de algo.

En definitiva, o que nos dixo Víctor foi que plantexaramos casos e propostas concretas para que se poidan ter en conta.


Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.

Deixe unha resposta