Reunión co Vicerreitor e Oferta Académica e Espazo Europeo de Educación Superior da USC (Máximo Pló)

Investigadores sen cobertura do seguro médico ata que pagan a matrícula:

Tal e como se dicía no escrito que se elaborou na lista, na aseguradora dicían que ata que non se pagaba non se estaba protexido polo seguro. O Vicerreitor (VR) dixo que foi o que máis o alarmou – tanto pola desprotección do investigador como polas posibles consecuencias para a USC – e que xa pediu informe á asesoría xurídica. Vainos informar cando saiba algo ó respecto.

Que novos beneficios nos ofrece o novo pagamento?:

Intentamos darlle un pouco de caña con isto porque é un dos fundamentos polos que máis podemos protestar. A única resposta concreta ao respecto foi que agora o titor vai ter que asinar un acta por cada doutorando que leve. Ante a posibilidade de que isto sexa máis un problema que unha vantaxe para os doutorandos (polo difícil que pode ser cazar ao titor para que asine un papel), só dixo que se trataría como as outras actas, de 1º e 2º ciclo, polo que o profesor recibiría correos recordándollo. Comentou que a titoría académica ofrecerá unha maior seguridade á hora de ler a tese, porque agora hai profes que “se poñen parvos” cando hai que presentala e póñenlle problemas ó doutorando; se agora teñen que render contas periodicamente, terán difícil poñer pegas no último momento cando antes dicían que todo ía ben.

Prezo da matrícula:

Neste punto lávanse as mans porque é imposta pola Xunta. Como é evidentemente desproporcionada (a segunda máis cara é a catalá con €93) dixo que para o ano comentaría isto na reunión que tivese coa Xunta para ver os prezos do vindeiro ano. Sinalou tamén que – sempre que o pago por titoría se considere legalmente como “prezo público” e non como “taxa” – a USC podería crear algún tipo de bolsa para cubrila en determinados casos; se é “taxa”, non se podería, e o que estarían facendo Vigo e Coruña sería ilegal.

Tutela académica tamén para os doutorandos do RD 778/1998?:

Según eles, tamén o anterior RD fala da titoría académica. De novo fixo referencia ao que lle dixo a asesoría xurídica, pero o informe dicía que xa se falaba da tutela neste decreto aínda que non onde, polo que o VR ía pedir que fosen máis específicos e xa nos comunicaría este informe. Por tanto, segundo el teñen que retratarse todos.

Xente que fai a tese “por libre” e “a longo prazo”:

Xurdiu un novo asunto. O vicerreitor dixo que fixar unha taxa máis elevada que agora para a etapa de tese provocará que non se renoven “por sistema” xente que leva tropecentos anos na etapa de tese, porque esta “inflación” fai que non teñamos datos reais de quen está realmente facendo a tese. É tema problemático, en varios sentidos. Por un lado, pode fomentar que haxa xente sen cobertura de ningún tipo traballando nos laboratorios, porque non quere matricular a tese. Por outra banda, tampouco ten en conta o caso de xente que traballe e que teña que ir a outro ritmo coa tese.

Segundo afirmou a pregunta nosa o VR, actualmente non existe ningún requisito de levar matriculado X anos antes para facer a tese, sería suficiente matricularse antes de lela.

É o mesmo pagar a tutela académica que pagar un imposto:

Comentámoslle que parecía absurdo cobrar por facer un traballo a alguén a quen tes contratado por facer ese traballo. De acordo coa impecábel retórica do VR, é o mesmo a tutela académica ca un imposto. A el págalle o goberno e logo quítalle cartos en impostos. A nós páganos a USC e quítanos cartos coa tutela. Xa non houbo tempo para responder a isto (que non era nada difícil porque todos sabemos que nas nosas nóminas hai retencións fiscais, como na do vicerreitor, e que ao susodito non lle cobran por usar a luz do seu despacho ou por se lavar as mans cando vai ao baño), pero coido que por alí non nos poden alegar moito.

Conclusións:

Temos que o pór todo por escrito e, sobre todo, deixar moi claro cales son as nosas reivindicacións. Eles mirarán “atentamente” as propostas para ver cales son viábeis e cales non. As que non, pois xa se falará…


Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.

Deixe unha resposta