Xuntanza con Elías Torres, coordinador da plataforma Universidade Aberta

Ola. Mándovos o resumo da reunión con Elías Torres, coordinador de Universidade Aberta e futuro vicerreitor de Cultura se gaña a “lista conxunta”. Que Víctor engada o que vexa.

Lugar: Fac. de Filoloxía

Duración: 1h e 10 minutos

Asistentes: Elías Torres (UA), Víctor Olmos (PG) e Xosé A. Álvarez (PG).

En primeiro lugar, díxonos que levaría as nosas reivindicacións á hora de redactar o programa de goberno, que están niso neste momento e que, de todas formas, nos aconsella reunirnos con María José Alonso para tratar estes temas. Estivo bastante receptivo (el tamén foi bolseiro…;-) Algún dos temas que se comentaron, porque unha hora e
pico dá para moito:

  • Rexistro de investigadores en formación: Está de acordo en que é algo moi necesario, como punto de partida para analizar a situación actual e comezar a tomar medidas. Apuntámoslle que sería ademais o eixo sobre o que artellar outras iniciativas relacionadas co sector: listas de distribución, cursos de innovación docente,…Dixo que habería que matizar quén vai incluído nese rexistro: xente que ten proxecto de tese, estudantes de 3º ciclo,…
  • Seguro de accidentes, riscos laborais, revisións médicas,…: Di que vale, que é unha boa proposta, pero que habería que acoutar o ámbito, porque el ten un doutorando en Braga e se queremos revisións para todos, que pasa con el, ten dereito a vir aquí a facerse unha revisión? Que habería que priorizar.
  • Ramón y Cajal e estabilización de investigadores. Comentou que lle pareceu nefasta a actuación da actual reitoría, ó asumir máis xente da que podería estabilizar. Comentámoslle que a universidade non pode
    acostumarse a recibir investigadores gratis, só coas convocatorias MEC/Xunta, que hai que captar xente, e respondeu que a USC non tiña posibilidades económicas para asumir 70 contratos indefinidos ó ano, máxime en áreas con docencia excedentaria.
  • Figura do investigador na universidade: non se mostrou favorable a separar unha carreira investigadora dunha docente, porque entón todo o mundo se apuntaría a investigar e non quedaría ninguén para dar as
    clases. Comentámoslle que a USC debería dignificar as condicións das súas axudas propias á investigación, que non fose como agora, que a xente entra moitas veces porque non conseguiu outra financiación mellor. A súa resposta foi que teñamos coidado con ese tipo de peticións, porque eliminar o sistema de bolsas e levalo a contratos cun salario bo pode levar a que haxa moita xente con moito currículo presentándose a elas e que quede fora a xente que está comezando o doutoramento. Que ó mellor á universidade, postos nese plan, non lle interesa formar xente
    e prefire contratala xa formada.
  • “Regulamento do bolseiro”: Considerou moi interesante que a USC tivese unha normativa propia estipulando dereitos e deberes dos investigadores, en cousas como a docencia (que se presta moito a abusos) ou a relación co doutorando. Quedei de mandarlle a PL da FJI e recomendounos que pensásemos nunha proposta de Estatuto, para
    presentala a eles xusto despois das eleccións se gañan. Parecía interesado no tema.

Entregámoslle e comentámoslle a Carta Europea do Investigador, O Estatuto do Persoal Investigador en Formación e o Informe de Carreira Investigadora.

Texto orixinalmente públicado por Xosé Afonso Álvarez Pérez na lista de distribución de Precarios-Galicia.


Pódese seguir as respostas a esta entrada a través da subscripción RSS 2.0. Podes deixar un comentarios, ou facer un trackback dende o teu propio sitio.

Deixe unha resposta