Investigadores galegos que traballan en centros españois e estranxeiros déronse cita na illa de Ons a pasada fin de semana para debatir sobre o futuro do sistema galego de investigación. A convocatoria foi realizada pola asociación de investigadores, técnicos e tecnólogos Precarios-Galicia.
A gran preocupación dos investigadores galegos é a falta de información sobre a posible renovación do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2006-2010 (INCITE), que remata o próximo mes de decembro. Este plan supón na actualidade unha importante aposta pola investigación, pero necesita de melloras para ser máis ambicioso e sacar un maior aproveitamento da alta rentabilidade do investimento en I+D+i.
Dende Precarios-Galicia solicitáronse xa varias reunións co goberno autonómico para tratar este tema, e ningunha recibiu resposta. Pasado case un ano e medio da toma de posesión do Conselleiro de Economía e Industria e a escasos catro meses de que remate o INCITE, a comunidade científica non conta con ningún documento oficial sobre un futuro plan galego de investigación.
Os investigadores tamén descoñecen cando se creará a tan anunciada axencia galega de innovación. Esta axencia anunciouse como “de I+D+i” en setembro de 2009 para pasar a ser soamente “de innovación” uns meses despois. Por último, e segundo publica hoxe algún xornal citando un documento da Consellería de Economía e Industria, dita axencia volvería a ser de I+D+i. Ante a confusión xerada pola Xunta e as súas vagas declaracións de intencións, os investigadores anuncian que non consentirán reduccións da inversión en I+D+i. A falta de iniciativa do executivo autonómico para poñer en marcha un plan á altura do INCITE suporía unha catástrofe no eido científico galego e, de producirse esta situación, non se descarta a convocatoria de mobilizacións por parte do colectivo.
A inversión en ciencia debe ser continuada, e non dependente de ciclos políticos. Non é unha estratexia intelixente investir durante anos para deixar despois moitos proxectos sen rematar e ter que importar o coñecemento e a tecnoloxía dende outros países que sí apostan pola investigación como motor da economía. Por outra banda, dende Precarios-Galicia insístese en que non ten sentido formar a milleiros de investigadores durante varios anos para que, cando están no seu momento de máis alta produtividade, traballen no estranxeiro pola falta de emprego na comunidade.
Precarios-Galicia reclama á Xunta de Galicia información, diálogo, e un plan galego de investigación sólido para os vindeiros anos que mellore o INCITE. Por último, os investigadores piden unha mellor xestión dos centros de investigación galegos e recordan a importancia que a investigación básica ten a medio e longo plazo.



